A historia do Pazo do Piñeiro volve con forza a través dun libro

Patricia Hermida Torrente
P. Hermida ARES / LA VOZ

FERROL

O Pazo do Piñeiro, en Ares, nunha imaxe de arquivo.
O Pazo do Piñeiro, en Ares, nunha imaxe de arquivo.

O arquitecto deste edificio en rehabilitación en Ares e tres historiadores contan os segredos desta edificación, con presentacións como a deste xoves en Pontedeume

27 abr 2026 . Actualizado a las 20:49 h.

Como un lugar de «fonda significación histórica, patrimonial e emocional para a nosa contorna», definen os investigadores ao Pazo do Piñeiro (Ares). A edificación acaba de ser revisada nun libro que leva precisamente o nome de O Pazo do Piñeiro, impulsado polo arquitecto Jorge Salgado Cortizas coas investigacións dos historiadores Carlos de Castro, Bernardo Máiz e Matilde González. Este xoves presentarase ás 19.30 horas na Casa da Cultura de Pontedeume.

 

Carlos de Castro fala das orixes do pazo ata 1936, Bernardo Máiz dos feitos desde o golpe do 36 ata finais do século XX (coa historia da represión), e Matilde González céntrase no xacemento do castro da Roda situado dentro. As fotografías son de Ana Amado. O libro xa se presentou noutros espazos como a Agrupación Instrutiva de Caamouco.

O Pazo do Piñeiro atópase na freguesía de Caamouco, en Ares, e está en proceso de rehabilitación para converterse nun centro de investigación de sementes a cargo dunha sociedade de Sandra Ortega, filla de Amancio Ortega.

O arquitecto desta obra, Jorge Salgado, quixo promocionar a edición deste libro para coñecer a súa historia con sucesos como os de 1949 (cando a mansión acaba incendiada pola acción da guerrilla antifranquista).

Os historiadores participarán no acto deste xoves e estarán acompañados pola interpretación musical do grupo As Pías.