Distinguen as mellores canles en galego en plataformas dixitais
02 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Pazo da Cultura de Narón acolleu a gala da oitava edición dos Premios Youtubeiras+, que distinguen as mellores canles en galego en plataformas dixitais. O xurado recoñeceu Exército Mekemeke como mellor canle de YouTube, destacando «a súa coidada estética, calidade técnica e periodicidade». En TikTok, o premio foi para Sara Seco, quen sobresae polo seu «compromiso con diversas causas». Prado Rúa foi galardoada na categoría de creación de contidos, valorándose a súa versatilidade e a súa contribución á recuperación de palabras galegas. Luís do Río acadou o Premio á Calidade Lingüística polo seu coidado na oralidade e a súa aposta pola revitalización léxica. O Premio Revelación foi para Galiactiva, un proxecto que introduce o galego nun ámbito dixital con escasa presenza da lingua e promove hábitos saudables. Pola súa banda, Rebelico Revista levou o Premio Rede pola súa capacidade de crear comunidade e trasladala ao espazo virtual. O recoñecemento do público, decidido por votación popular con máis de 5000 participantes, foi para o vídeo A revolución galega de 1846, de Orgullo Galego. En total os premios repartiron 7500 euros.
A gala estivo presentada por Javi Sánchez e contou coa música de De Ninghures. Xirou arredor do lema Fachenda ao cadrado, poñendo en valor a comunidade creadora de contidos en galego. Representantes institucionais destacaron a importancia destes premios para a promoción da lingua na contorna dixital e o esforzo das persoas creadoras por manter vivo o galego en internet.