Será o xoves 31 de outubro, en Narón
27 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Para gozo e arrepíos de moitos, o Samaín volverá a celebrarse por todo o alto en San Mateo organizado polo Padroado da Cultura de Narón e a Agrupación Veciñal San Mateo de Trasancos. Gozarase o 31 de outubro no centro cívico social da parroquia, na escola e nas súas inmediacións durante a tarde e parte da noite. Haberá moitas luces, tebras, caldo e liscos.
Da presentación encargáronse a alcaldesa e presidenta do Padroado, Marián Ferreiro; con Miguel Ángel Santalla e José Manuel López desde a entidade veciñal. Ás 17.00 haberá unha exposición de cabazas de alumnos de terceiro e cuarto de Primaria de centros escolares de Narón, a través dun obradoiro do Padroado. Tamén iniciaranse obradoiros de cabazas e maquillaxe. Ás 19.00 será a actuación musical da Gramola Gominola e ás 20.00 a saída da tradicional Comitiva de Luces e Tebras.
Trátase dun percorrido «terrorífico» dun quilómetro e medio polas inmediacións do centro cívico no que os camiñantes portarán candeas para alumear na escuridade. Ás 20.30 horas é o Obradoiro do Medo, para menores ata 12 anos, e ás 21.00 a actuación do Grupo de Gaitas do Padroado da Cultura. Non faltarán
o afamado caldo e os liscos que prepararán os veciños e que se servirán ás persoas que desexen degustalos a un prezo simbólico de dous euros.