Elisardo de la Cruz: «Todo o mundo ten que ir ao psicólogo ao igual que vai ao dentista»

FERROL

Coa obra «Esas cousas marabillosas», este actor e publicista ferrolán logra encher «un de cada tres teatros»
03 nov 2023 . Actualizado a las 18:10 h.A Elisardo de la Cruz (nacido na Coruña en 1975 pero ferrolán dende hai moito) chegoulle o amor polo teatro aos 16 anos. E goza agora do seu primeiro gran éxito escénico co monólogo Esas cousas marabillosas, que leva hoxe ao Jofre (20.30 horas) coa súa produtora Empatía. Este publicista de profesión fala de como a tristeza chama ás nosas portas, e sobre todo da alegría de vivir. El mesmo, ao igual que case todos, pasou polo seu pequeno inferno do que saíu para reforzarse como un gran actor.
—Que camiño seguiu ata chegar a esta obra?
—Tras finalizar os estudos na Escola de Formación de Actores e Actrices de Narón, paseille un texto a Flor Maceiras para lanzarme con el ao teatro profesional. E ao cabo dunha semana devolveume Esas cousas marabillosas, de Duncan Macmillan, da que quedei namorado. Conseguín os dereitos e por primeira vez facemos a representación en galego.
—Por que era tan importante para vostede falar de saúde mental?
—Pasei o meu proceso de baixa por problemas psicolóxicos, estiven medicado e indo ao psicólogo. Tiven un bache e toquei fondo, estaba empático co tema.
—A actuación en solitario ante o público tamén é terapia?
—O teatro é terapéutico para quen o fai e para quen o recibe. Lanceime ao teatro profesional despois de moitos anos no amateur, á idade de 47 e coa intención de que ninguén dependese de min no caso de fracaso.
—Todo o mundo fala da súa representación. A saúde mental xa non é un tabú?
—A obra fala dun neno de sete anos que fai unha lista de cousas marabillosas polas que merece a pena vivir, despois do primeiro intento de suicidio da súa nai. E vemos trinta anos da súa vida. A xente sae do teatro feliz, positiva, reconfortada e dándolle voltas á cabeza.
—Moitos se senten identificados.
—Por desgraza, en Galicia temos unha das taxas máis altas de suicidio de España. Todos temos casos cercanos de persoas que se quitaron a vida, que non aguantaron máis. Cando remato o espectáculo saio a recibir á xente, algúns teñen bágoas nos ollos. Outros din que o seu pai se quitou a vida. E mesmo algún exclama que se partiu de risa. A obra é unha montaña rusa.
—Non hai nada como afrontar os problemas con humor?
—É fundamental na vida. Este texto é unha comedia que en ningún momento cae no melodrama nin no humor negro gratuíto.
—Falamos máis de saúde mental nunha sociedade estresante?
—O suicidio é a principal causa de morte natural, na adolescencia os incrementos son alarmantes. Loitamos para desestigmatizar os problemas de saúde mental. Non hai moito eu mesmo estaba ríndome dos arxentinos e Woody Allen, sempre falando dos psicoanalistas, pero resulta que tiñan razón.
—Todo o mundo debería ir ao psicólogo?
—Claro que todo o mundo debería ir ao psicólogo, ao igual que vai á consulta do dentista ou o fisioterapeuta. É moi necesario ir a terapia.
—E comunicarse, falar coa xente?
—É outro tipo de terapia, que debes facer coa xente que te quere. Se vives unha vida longa e chegas ao final sen sentirse unha vez terriblemente deprimido, é que non estiveches atento.
—Tamén axuda ter un listado de cousas positivas?
—A base da obra é que hai marabillas polas que merece a pena vivir: un xeado, un café, o sol, unha montaña rusa. E obriga a que o actor aporte as súas vivencias dos sete anos: eu puxen a D'Artacán e a George Michael.
—Como vai a xira?
—Empecei en Narón, no Festival Singular onde actuaba Blanca Portillo. A xira está sendo marabillosa e cun cheo no Jofre, enchemos un de cada tres teatros: A Coruña, Arteixo, Brión. A tradución ao galego é de Avelino González que a dirixiu na estrea, e agora dirixe Celia González.
—Axuda ser publicista?
—É ao revés! Ser actor dende os 16 anos axudoume a ser publicista. Cando quixen estudar Arte Dramático, o meu pai pediume que primeiro fixese unha carreira. E a publicidade, na que traballo en Empatía con campañas como a do Festival Internacional do Mundo Celta, axúdame a defender máis esta obra.