Antón Rúa: «Neste momento da miña vida, en Teixido sinto algo moi parecido á felicidade»

Ramón Loureiro Calvo
Ramón Loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL

Antón Rúa,cura párroco de San Andrés de Teixido, «poñéndolle o santo» a un romeiro dos que visitan o santuario: un rito -en última instancia, unha maneira máis de dar a bendición- que o sacerdote está recuperando.
Antón Rúa,cura párroco de San Andrés de Teixido, «poñéndolle o santo» a un romeiro dos que visitan o santuario: un rito -en última instancia, unha maneira máis de dar a bendición- que o sacerdote está recuperando. Ramón Loureiro

Afirma que a San Andrés, coma nun eterno milagre, «vén xente de todo o mundo»

15 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Antón Rúa naceu, hai 55 anos, en Lourenzá, terra na que tamén veu ao mundo Francisco Fernández del Riego, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. E, se ben é certo que el non naceu exactamente en Vilanova, senón na parroquia de Santo Tomé, igual de certo é que en Antón, e na súa visión do mundo, hai moito do espírito, fortemente impregnado de amor a Galicia, do propio don Paco del Riego. Ademais, quen di do espírito e o talante de don Paco, di tamén dos de don Álvaro Cunqueiro, que era de alí moi cerca, de Mondoñedo. Antón, historiador da arte, e artista plástico, ademais de sacerdote, é, desde hai un par de meses, o novo cura párroco de San Andrés de Teixido, de Sanandresiño de Lonxe. Un lugar polo que el, coma Del Riego e Cunqueiro, sente un inmenso afecto desde que era neno. A verdade é que ver a emoción coa que Rúa celebra a Eucaristía en Teixido, ou coa que fala do santuario e das súas xentes, é algo que conmove a calquera. Rúa tende unhas cantas parroquias máis, pero en San Andrés é onde vive. Na porta entre dous mundos. Onde soan, cada día, as campás que, fronte á inmensidade do océano, ven, máis de cerca, como o sol se funde co horizonte diante de Europa: como se abrazan o ceo, o mar e a terra.

—Poderíase dicir que Teixido é un lugar que non se parece a ningún outro...

—Pódese. Perfectamente.

—E iso, por que?

—Porque o de San Andrés é un santuario distinto de todos os demais. Aquí vén xente de todo o mundo. Constantemente. Hai que estar aquí, un día tras outro, para ver ata qué punto iso é certo. Eu, aínda que acabo de asumir as funcións de párroco agora, levaba xa anos colaborando con este santuario, pero en verdade che digo que é neste momento, ao estar en San Andrés un día si e outro tamén, cando me dou conta, da mañá á noite, da súa realidade. Por iso eu digo sempre que Teixido, o santuario ao que vén todo o mundo, é, tamén, o santuario de todo o mundo.

—Por poñer algún exemplo: de onde viñeron romeiros, estas últimas semanas?

—Pois viñeron de Holanda, de Alemaña, de diferentes países de América Latina, de Corea...! Se non o ves, non o cres.

—Dicía un profesor ao que todos recordamos con moito afecto, José Antonio Fernández de Rota y Monter, un antropólogo excepcional, que a San Andrés de Teixido, conforme o tempo foi pasando, a peregrinación non foi a menos, senón a máis.

—Así é. E mira que aquí vén xente desde hai ben tempo.

—Onde están as raíces desta peregrinación?

—Nunha época moi remota. De feito, e aínda que iso non se poida demostrar, cada vez estou máis convencido de que esta é a peregrinación máis antiga de Europa.

—A máis antiga?

—Si señor. A máis antiga de todas. Unha peregrinación que enlaza directamente co camiñar, baixo a Vía Láctea, cara ao lugar onde os antigos crían que as almas collían o barco que as trasladaba a un mundo distinto

—Recuperou vostede ritos coma o de «poñer o santo».

—Tanto coma recuperalo, non. Porque nunca estivo completamente perdido. Pero digamos que é algo ao que lle estamos dando un novo pulo. É unha bendición que agradece moitísimo a xente.

—Vese vostede contento aquí.

—Estou máis que contento! Neste momento da miña vida, en Teixido sinto algo moi parecido á felicidade. Quen me había dicir a min que aquel neniño que eu era, que viña a Teixido no colo da súa nai, sería, un día, o cura de San Andrés...?