
A obra de Opaí Teatro viaxa ao 72 co recordo de Pillado
03 mar 2023 . Actualizado a las 10:52 h.Cando se celebrou a estrea da obra De Marzo a Marzo no Torrente Ballester, o público saía tan eufórico que aconteceu a seguinte anécdota. «Un coche quedouse atascado subindo pola rúa Hospital e co espíritu solidario da representación todos os presentes empuxaron o vehículo costa arriba, nun remate perfecto», explica Cristina Mariño. A directora desta peza dramática, que coescribiu con Carlos Castrillón Doce, celebra que este venres chegue con Opaí Teatro ao emblemático Jofre. Poderá verse ás 20.30 da tarde e relatará os acontecementos de 1972, «que marcaron a historia da cidade, nunha homenaxe aos desaparecidos». E levará impreso o recordo do desaparecido Rafael Pillado.
Aquel 10 de marzo de 1972, a policía franquista desfixo unha manifestación do naval a balazos causando a morte de Amador Rey e Daniel Niebla. «Eses feitos cambiaron todo no sentido de que axudaron a combatir a ditadura, e as mobilizacións contaxiáronse por toda Galicia empezando por Vigo», indica a directora da obra. De feito, esa xornada declarouse xa na democracia como Día da Clase Obreira Galega «porque marcou un antes e un despois non só como loita dos traballadores senón como cambio social a pesar da represión».
Neste De Marzo a Marzo participan ata 60 persoas, entre os dez actores e actrices con moitos colaboradores. Entre estes últimos figuran os 20 integrantes do coro de Cantos de Taberna da Escola da Vaca, que se subirán ao Jofre na representación baixo dirección musical de Bea Rivas. Os ensaios de Opaí desenvolvéronse estes días na SCRD de Canido, no centro cívico e na parroquia de Santa Cruz. «E o ideal sería facer representacións para rapaces», apunta Mariño.
No equipo actoral hai «desde testemuñas dos feitos como Juani García que tivo ao seu marido detido, ata os que eran nenos nesa época e que recordan como os foron a buscar ás escolas e viviron todo en silencio». Algúns chegaron a escoitar os despidos. Outros nin naceran, como a propia Cristina Mariño (nacida en 1976): «Teño o primeiro recordo na panadería do barrio, onde unha muller embarazada nese 72 contaba como se lle adiantou o parto ao escoitar os sons do 10 de marzo».
Esta peza naceu dunha conversa con Rafael Pillado, loitador antifranquista e protagonista do 72 recentemente falecido. «El era un gran comunicador e aportoume a visión global, investiguei en biografías obreiras e documentos ata entrevistar a máis de 30 persoas», explica a directora. Na obra, os únicos nomes que aparecen son os de Amador e Daniel, «pero Pillado foi o instigador do texto e o seu irmán Luis (que está en Opaí) pensou que poderíamos facer este traballo». Finalmente, Mariño comprobou que «é o certo o que dicía Shakespeare de que non hai traballo de amor perdido, a obra é celebrada na comarca pois conta cousas fundamentais do pasado e o presente».
A dramaturxia fíxose desde o presente, «nun diálogo e conflito interxeracional entre un neto, os pais que traballan en precario e o avó que protagonizou aquela loita». Ao Jofre chega Opaí «felices, xa na estrea estiveron a sobriña de Amador e tamén Pillado coa responsabilidade de representar ante testemuñas vivas». Aquí ofrecerán unha «homenaxe a Pillado e aos desaparecidos prematuramente por culpa do amianto, que foron enganados por un rendemento económico».