A Xunta inviste 19.000 euros nun programa para acompañar a persoas maiores en As Pontes

G.D. AS PONTES / LA VOZ

FERROL

Mayores de As Pontes en la playa del lago artificial
Mayores de As Pontes en la playa del lago artificial

O Concello de As Pontes é unha das entidades galegas beneficiarias da nova liña de subvencións da Consellería de Política Social e Xuventude

08 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xunta apoia un programa de voluntariado interxeneracional que foi creado para atender ás persoas do concello das Pontes. Faino a través dunha axuda de 19.000 euros para as anualidades 2022-2023. En base a esta iniciativa construirase un estudo das necesidades que poden ser cubertas mediante unha bolsa de emprego ou con outra fórmula en relación ao fenómeno da soidade e do illamento das persoas maiores do municipio pontés.

Para atallar esta cuestión faranse xornadas de convivencia, obradoiros de elaboración de receitas tradicionais e xeración de contidos audiovisuais, rutas de sendeirismo, eventos culturais, ofrecendo aos veciños unha alternativa de tempo libre para axudalos a paliar o illamento social. Porase en marcha no municipio de As Pontes un servizo que ofreza solución a isto e que teña ademais continuidade no tempo.

A delegada territorial do Goberno autonómico en Ferrol, Martina Aneiros, defendeu a aposta da Xunta «por levar os servizos e os recursos alí onde as persoas os precisan, neste caso no entorno rural». Aneiros puxo en valor o papel dos voluntarios neste tipo de iniciativas.

O Concello de As Pontes é unha das entidades galegas beneficiarias da nova liña de subvencións da Consellería de Política Social e Xuventude, orientada a elaborar e executar proxectos de voluntariado interxeneracional no mundo rural, vencellada co proxecto piloto Talento Interxeneracional. A iniciativa está destinada a entidades de acción locais e asociativas e céntrase nas zonas do rural galego onde procura fomentar actividades formativas, de intercambio de experiencia e coñecementos nos concellos pequenos vencellados a ámbitos como a nova economía dos coidados, a recuperación de actividades ou oficios, a produción agroalimentaria, a recuperación do patrimonio e o turismo ou ao deseño de modelos dixitais e tecnolóxicos.