O plan «A Administración cerca de ti» achegará as xestións administrativas a 67 concellos da provincia

la voz VALDOVIÑO / LA VOZ

FERROL

Ao acto celebrado na Casa da Cultura asistiron a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; o alcalde, Alberto González e o secretario xeral da Delegación do Goberno, Alberto de la Fuente
Ao acto celebrado na Casa da Cultura asistiron a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; o alcalde, Alberto González e o secretario xeral da Delegación do Goberno, Alberto de la Fuente CESAR TOIMIL

O Concello de Valdoviño será o primeiro en poñer en marcha a iniciativa do Ministerio de Política Territorial

21 nov 2022 . Actualizado a las 23:50 h.

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presentou onte en Valdoviño o plan A Administración cerca de ti, que achegará as xestións administrativas a 67 concellos da provincia para avanzar na cohesión territorial. O Concello de Valdoviño é a primeira parada desta iniciativa a nivel estatal do Ministerio de Política Territorial en colaboración coa Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) e que permitirá dar pasos importantes na eliminación da fenda dixital.

Ao acto celebrado na Casa da Cultura de Valdoviño asistiron o alcalde, Alberto González e o secretario xeral da Delegación do Goberno, Alberto de la Fuente. «Achegamos a Administración do século XXI ás vilas, poñéndoa directamente ao servizo dos veciños e veciñas, para fortalecer a cohesión social e territorial e reforzar a igualdade de oportunidades», sinalou Rivas.

O Plan seguirá un calendario establecido en cooperación cos concellos. Cada semana, funcionarios e funcionarias das Subdelegacións desprazaranse a estas localidades, todas elas cunha poboación inferior a 8.000 habitantes, para ensinar ás persoas interesadas a relacionarse coa Administración de forma dixital, resolver dúbidas e facer trámites coma o certificado dixital da Fábrica Nacional de Moneda y Timbre, imprescindible para moitas xestións e que só se pode tramitar na presenza física da persoa que o solicita. Na actualidade, a Administración Xeral do Estado ofrece a posibilidade de realizar de xeito dixital a maior parte das xestións e das comunicacións con seus departamentos: trámites básicos como as prestacións, o pago de impostos, permisos de condución, aboamento de taxas públicas, solicitudes de axudas ao estudo ou certificados de vida laboral; inclúese a solicitude de subvencións, que en moitos casos só se pode xestionar telematicamente. «Buscamos que o Estado estea máis presente no territorio e, en particular, nos municipios menos poboados. Que ninguén se senta desprazado á hora de realizar trámites telemáticos», afirmou a subdelegada do Goberno.