As Pontes abriu a solicitude de axudas para agasallos de Nadal

la voz AS PONTES / LA VOZ

FERROL

JOSE PARDO

A contía individual será de 50 euros por menor e pódese pedir ata o 1 de decembro

19 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta iniciativa, que se pon en marcha por primeira vez no municipio, ten como obxectivo que «todos os nenos e nenas das familias pontesas, que se atopan nunha situación de vulnerabilidade, poidan gozar dun agasallo nestas datas tan sinalada. Engaden: «A través desta convocatoria de axudas queremos fomentar a igualdade e permitir que todas as nenas e nenos poidan sentir a ilusión de recibir un agasallo no Nadal».

A contía individual para cada persoa beneficiaria, segundo o número de menores que compoñan a unidade familiar, irá desde os 50 euros, no caso de existir un menor e chegará ata os 240 euros no caso de unidades familiares nas que existan ata seis menores. Esta contía farase efectiva a través dun vale, asinado pola Concellería de Benestar Social, que se entregará á familia beneficiaria polo importe total da axuda concedida en función dos menores que a conformen e trocarase por xoguetes, discos, libros, roupa deportiva, artigos de deporte ou material relacionado coas novas tecnoloxías nos establecementos comerciais das Pontes.

As persoas que poderán solicitar estas axudas son as empadroadas no municipio, cunha antigüidade mínima de catro meses e ingresos económicos que non superen o 1’5 veces o IPREM.

As persoas beneficiarias serán menores, de non máis de 17 anos; que no caso de persoas con discapacidade poderá chegar ata os 24 anos. É necesario presentar a solicitude no Rexistro Xeral do Concello, con previa cita chamando aos números de teléfonos 667129389 ou 667129380. O prazo remata o 1 de decembro.