Henrique Dacosta, escritor: «Os relatos teñen conexión cas miñas dúas patrias, que son Canido e Covas»

Bea Abelairas
B. abelairas FERROL

FERROL

CESAR TOIMIL

Presenta este venres o seu novo libro no centro cívico de Canido

21 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Henrique Dacosta presenta hoxe no centro cívico de Canido a súa nova obra: un compendio de oito contos e unha peza teatral, xénero no que se estrea. O libro leva por título O estraño caso da bicicleta amarela, o mesmo que un dos relatos.

—Como xurde esta obra?

—Hai relatos completamente novos e outros se recuperan de edicións que estaban un pouco dispersas e corrían o risco de que se extraviasen, porque tres deles estaban en editoriais que nalgúns casos xa nin existen.

—É curioso o título...

—É o de un dos contos, que case se pode considerar como un conto de Nadal, que conta un episodio estrano que acontece no garaxe da casa e a partir diso digamos que nace unha historia onírica e fantástica.

—Que lle inspira?

—A recuperación da infancia, do tempo pasado é moi do meu gusto. Aquilo que atinxe a miña formación como persoa: o meu barrio, Canido, e tamén Covas. Dalgún modo os relatos teñen conexión cas miñas dúas patrias, que son Canido e Covas. Ferrol tamén aparece.

—Por que escribe?

—Parto de algo que vivín ou que sucedeu perto e a partir diso vou montando unha historia que, efectivamente, se alonxa do que previamente foi o punto de partida. Eu penso que escribo para comunicarme cos demais e por unha necesidade de transcender.

—Que autores o guían?

—Do máis diverso, non teño fixación por ningún en concreto: literatura hispanoamericana como Alejo Carpentier, Vargas Llosa e obras portuguesas, entre outras moitas.

—Qué é máis complicado, o relato ou a novela?

—O relato require dunha concentración da idea, de ir o esencial como unha pequena xoia na que as fallas se ven con máis evidencia que no caso dunha novela longa. Nun relato todo ten que ser a súa precisión e medida.