Jesús Castro, director xerente da FAEPAC: «Só coa revisión das facturas eléctricas, un concello pode aforrar unha media dun 15 %»

ANA F. CUBA AS PONTES / LA VOZ

FERROL

Jesús Castro, na Casa da Enerxía, sede da FAEPAC nas Pontes
Jesús Castro, na Casa da Enerxía, sede da FAEPAC nas Pontes JOSE PARDO

Asegura que para quentar a auga dunha piscina, de usar caldeira de gasóleo a unha bomba de calor xeotérmica o gasto cae un 50 %

05 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC) ten dúas funcións: asesorar aos concellos cos que ten convenio de colaboración (na zona, Narón, As Pontes, San Sadurniño e Moeche) e a todos os cidadáns da provincia, de forma gratuíta, «en temas de aforro enerxético, facturas da luz, altas, baixas, bono social, cambio de compañía...», a través das sedes que ten en Cerceda e As Pontes, e do correo consultas@faepac.gal. Así o explica Jesús Castro Lozano (As Pontes, 65 anos), director xerente desta fundación pública, dependente da Deputación da Coruña.

—Hai moita preocupación nos concellos polo aumento do gasto do alumeado público. Como se pode baixar a factura?

—Despois dos gastos de persoal, a factura eléctrica é a de maior cuantía dun concello. O primeiro que hai que facer é unha auditoría enerxética do alumeado público, e a partir de aí tomar medidas. Ver se a potencia contratada é a que teñen que ter ou se lles chega con menos, que tarifa teñen (o mesmo que podiamos falar para unha vivenda), se hai un bo mantemento da instalación, posibles fraudes (xente que colle corrente do alumeado público), instalar reloxos astronómicos nos cadros (para que se acendan as luces co ocaso e se apaguen co orto)... Algún concello ten pasado a ter un consumo do 29,25 % do que tiña antes de facer a auditoría, é dicir, a ter un aforro do 70 %. O paso a leds é unha das medidas que xa están aplicando a maioría dos concellos, supón un aforro do 70 % e é o mellor sistema de iluminación. É importante, tamén nos leds, iluminar coa cantidade de luz xusta, evitando a contaminación lumínica que impide gozar do ceo nocturno; permite traballar con temperaturas de cor baixas e baixar a luz azul.

—É posible e axuda o apagado selectivo de puntos de luz?

—É posible o apagado selectivo de luminarias, pero hai que facelo con coidado, non é recomendable en estradas onde se poida conducir a 60 quilómetros por hora, por seguridade, ou nos pasos de cebra (un sistema de detección de peóns pode axudar). Tamén se poden utilizar detectores de presenza nas aldeas nas que non vive ninguén agás nas fins de semana ou no verán. Pódese reducir o fluxo, baixando a intensidade... e pode merecer a pena instalar placas solares nas luminarias, pero con batería, porque cando funcionan é de noite.

—Como se pode baixar o consumo dunha depuradora?

—O consumo das depuradoras depende da tecnoloxía e mesmo do tamaño. Nas grandes conséguese optimizar o deseño para lograr un consumo axustado, de 20 a 30 quilovatios hora por habitante e ano; e as pequenas e medianas chegan a 50. A optimización enerxética pode reducir o consumo nun 17,5 %. Convén facer unha auditoría enerxética, igual que do resto de instalacións municipais. Todo depende do tamaño, da potencia e do caudal. Algo que se podería facer é aproveitar a enerxía hidráulica, intercalando turbinas de auga por riba da planta e á saída, dependendo da caída que teña. E implantar o control de procesos con sensores para optimizar os bombeos, aproveitar o biogás da dixestión para a xeración eléctrica ou implantar sistemas de control por sensores para regular a ventilación, que ás veces está funcionando seguido e non é necesario.

—Como conseguir un edificio (público ou privado) ou unha vivenda eficiente enerxeticamente?

—Cun bo illamento para limitar a demanda térmica, de frío e calor; iluminación led; un sistema de climatización eficiente; sistemas de redución da dependencia enerxética, coma placas solares térmicas e fotovoltaicas...

—E a calefacción...

—Igual nun edificio público coma nunha vivenda, hai que tela a unha temperatura de 19 a 21 graos. Se é calefacción central, usar válvulas termostáticas, que poden reducir o consumo máis dun 8 %. Apagala de noite, non abrir a ventá se fai calor, senón baixala, poñer alfombras nos pés, ter os radiadores limpos e non cubertos (non están para quentar nin para secar a roupa)...

—Como melloramos a eficiencia dunha casa ou un edificio público?

—Recomendo a envolvente térmica (en todos os cerramentos que separan as zonas habitables do ambiente exterior, tanto cubertas como fachadas, e nos garaxes ou almacéns), ventás con rotura de ponte térmico, illar os condutos da auga mediante espuma flexible para evitar a perda de calor e tamén da auga fría...

—E como aforrar nunha piscina ou nun pavillón deportivo?

—Na piscina, o consumo está en quentar a auga. De usar gasóleo a, por exemplo, unha bomba de calor xeotérmica a diferenza vai dun gasto de máis de 29.000 euros a algo máis de 13.000. Nalgún pavillón, unha reforma permitiu reducir o gasto anual en máis do 50 %, cambiando a cuberta, con fachada ventilada, bombas de calor, nova iluminación, parqué en vez de tarima flotante...

—Poden aforrar os concellos só con revisar a facturación?

—É un dos traballos máis importantes que facemos e atopamos moitas sorpresas. Hai que axustar a potencia contratada á demanda real, eliminar penalizacións, detectar erros por conceptos mal facturados.... pódese conseguir un aforro medio dun 15 %. E hai que saber, concellos e particulares, que as facturas caducan ao ano, se tardan máis en pasalas non hai que pagalas.

—Empézase a falar das comunidades enerxéticas. Que son?

—É un sistema no que unha xente monta placas fotovoltaicas (ou calquera outra enerxía renovable) para autoconsumo. Por exemplo, onde hai un colexio ou un pavillón, ou mesmo a casa do concello, montar placas e compartilas cos veciños que están arredor desa instalación.