O rexistro de ponteses no cemiterio Colón de La Habana cruza o Atlántico

gala dacosta diehl AS PONTES / LA VOZ

FERROL

Hijos de Puentes doou o documento histórico ao museo Monte Caxado

24 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A do rexistro do panteón social das Pontes en La Habana (Cuba) non é unha historia individual, senón colectiva. É a de todos os ponteses que residiron e morreron na capital do Caribe. Tamén a das familias que os manteñen vivos na lembranza.

Esta historia comeza en La Habana no 1912 coa creación da Sociedad de Hijos de Puentes de García Rodríguez e é semellante ás cancións de ida e volta, pois segue agora no Museo Etnográfico Monte Caxado 110 anos despois. Como arredor da metade da poboación de Galicia, dende finais do XIX moitos ponteses marcharon a América. Creaban comunidade alá onde ían, fito esencial na historia dos galegos da diáspora, procurando acomodo a quen chegaba.

Nos albores do século pasado, Jesús M. Bouza Vello, natural do Chamoselo (As Pontes) e presidente do Centro Galego de La Habana, decidiu crear unha de tantas asociacións e irmandades entre galegos que aínda perduran na América Latina, para os emigrados dende As Pontes. Entre as finalidades da asociación estaba construír unha escola no concello para que os nenos estivesen formados. Outra das iniciativas que promoveron foi a creación dun panteón social na capital cubana, no ano 1939, coa intención de que os ponteses que morresen alá tiveran un sitio das Pontes en Cuba.

 

As sociedades parroquiais

Entre os anos 20 e 30 do pasado século, a maioría das sociedades parroquiais galegas en La Habana construíron o seu propio panteón social. Isto convertiríase nunha característica propia da emigración a esta cidade que non se deu no resto das urbes nin dos países de América Latina.

Na última visita á súa terra natal esta mesma semana, José García Cabarcos, presidente da sociedade de Hijos de Puentes de García Rodríguez e habanero de acollida, trouxo consigo un documento de gran relevancia: o Registro del Panteón Social de Las Puentes de García Rodríguez do cemiterio Colón de La Habana. O documento, que doou ao Museo Etnográfico Monte Caxado, inclúe a data de nacemento, o nicho, o nome, a idade, a parroquia, o número de socio e o nome dos pais de todas as persoas enterradas no panteón.

O director do museo, José María López Ferro, indicou que se trata dun documento de gran relevancia, que se exhibirá a partir de agora nunha vitrina á disposición de todos os visitantes. Daniel Cabarcos Fontao, expresidente da sociedade, foi o primeiro galego enterrado neste panteón, no que actualmente se contabilizan máis de 100 persoas.

José García Cabarcos, quen chegou a traballar para o Ministerio de Cultura de Cuba, atende a chamada telefónica sentado ao aire libre nos chanzos dun portal de La Habana: «Yo con un traguito te hacía una entrevista más amplia», di. O certo é que a idea non é ilóxica: acaba de estar nas Pontes, onde ten familia e moitos amigos que máis de 60 anos despois continúan chamándoo Pepe.

Cabarcos naceu nunha parroquia das Pontes, pero con 13 anos cruzou o océano Atlántico cos seus pais coa intención de mellorar as súas condicións de vida. Non ten nin un ápice de acento galego, senón que parece nado en Cuba, aínda que bromea: «Desembarqué aquí para ser millonario, pero llegó Fidel Castro y no pude».

Primeira vez en Galicia

Ata agora, o libro estaba ao outro lado do Atlántico, custodiado polos membros da asociación que preside Cabarcos. Un grupo de arquivistas do Consello da Cultura viaxou ata a illa do Caribe para dixitalizalo hai tempo. Iso permitiu a algúns galegos acceder á versión do Arquivo da Emigración. Agora, calquera pode achegarse para ver o documento ata o Museo Etnográfico das Pontes.

Durante a semana que leva exposto, varios visitantes acudiron ver o rexistro á procura de familiares a quen perderon a pista. O desenlace da historia está por ver. Máis galegos se achegarán ata a sala do Monte Caxado e darán con eses familiares que emigraron e non se soubo máis deles. Entón haberá moitas máis historias para contar.

«El colectivo ya no está nutrido de gallegos, sino de sus descendientes»

Galicia está presente no cemiterio de La Habana dende o propio deseño, do arquitecto ferrolán Calixto Loira. O principal panteón social de galegos en La Habana é o da Sociedad de Naturales de Galicia, a máis lonxeva de todas. O monumento, construido en 1936, destaca pola súa verticalidade e pola mampostería en granito. Pero o cemiterio Colón conta con nichos e mausoleos de todas as sociedades parroquiais, cousa que non aconteceu en todos os lugares que recibían emigrantes galegos. Hai panteóns de Ortigueira, A Capela ou Cedeira, entre outros. A importancia destas microsociedades e dos servizos que ofrecían era vital na capital cubana, chegando a ser o núcleo da vida social dos emigrantes e o principal órgano de beneficencia, pois non todas as historias de emigración eran exitosas: moitas tiveron finais desventurados.

Seguen hoxe activas moitas das entidades, como a sociedade cultural Rosalía de Castro, pero despois da Revolución Cubana e especialmente tras o eufemístico Período Especial, a maior parte perderon a súa vixencia. A necesidade de crear panteóns sociais para os emigrantes galegos xurdira hai 100 anos cando «se dieron cuenta de que la gente moría y, llegado el momento, querían un lugar donde descansar para siempre y la sociedad les ofrecía esto. Ahora ya no se estila enterrarse en un panteón», corrobora García Cabarcos. O que queda daquelas sociedades son xuntanzas e recordos, pero non conservan a relevancia que tiveron no pasado: «Nos reunimos, charlamos, ponemos un ramo en el panteón por el Día de Difuntos... pero el colectivo ya no está nutrido por gallegos, sino por los descendientes de gallegos y amigos. Admitimos descendientes de hasta tercera generación».