Chega ás librarías o seu primeiro poemario, «Teorías do fin», co que gañou o Premio Cidade de Ourense
14 may 2022 . Actualizado a las 10:49 h.
«Para min, toda verdadeira creación é poesía», di Antonio Seijas (Ares, 1976). E realmente se pode afirmar, contemplando calquera das súas obras (pintura, fotografías, ilustración, banda deseñada...), que en efecto iso é así. Pero agora esa afirmación adquire, ademais, unha significación nova, mentres Antonio vai abrindo outros camiños. Porque Aira Editorial vén de sacar á luz Teorías do fin, o primeiro poemario de Antonio Seijas, co que o creador aresán vén de gañar o XXXVII Premio de Poesía Cidade de Ourense.
«A esperanza / sostida no tempo / queima cuncada nas mans /marcando o camiño certo ao negrume do bosque...», escribe Seijas neste libro novo. «Cinza / é un nome que ao pronuncialo / se desfai na lingua», proclaman os seus versos.
Ir «máis alá da realidade»
O creador aresán explica que, para el, «a poesía é un xeito de achegarse ao que está máis alá da realidade, do que perciben os sentidos». E desvela que, mentres este seu primeiro poemario está a piques de chegar ás librarías, xa ten rematado outro poemario máis. «Escribo poemas desde hai moitos anos, aínda que ata agora xamais publicara os meus versos —subliña Seijas—. Como creador, na poesía atopo unha inmediatez, unha espontaneidade, que non atopo noutras formas de creación —engade—. Ás veces vou camiñando pola praia e xorde un verso. Así, coma unha luz que brilla. Xorde, de súpeto, case de nada. E en canto o escribo, nuns segundos, xa existe [ri Seijas]. É algo parecido ao que o pasa co polaroid na fotografía».