José Seco, montañeiro: «Nós tamén somos parte da natureza, e a nosa obriga como seres humanos é coidala»

Ramón Loureiro Calvo
RAMÓN LOUREIRO FERROL / LA VOZ

FERROL

José Seco, fotografado o pasado mércores en Río de Sáa, no municipio de Fene
José Seco, fotografado o pasado mércores en Río de Sáa, no municipio de Fene Ramón Loureiro

Fenés de Sillobre, afirma que «na montaña tes unha visión da realidade completamente diferente»

31 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Aos seus 77 anos de idade, José Seco, histórico impulsor do montañismo galego e sempre firme defensor da natureza, xa deixou de escalar. Pero non renuncia a camiñar polas serras e os cumios máis altos de Galicia. «Sei que cada etapa da vida é diferente. E cando pasan os anos tes que ser consciente das túas propias limitacións. A túa capacidade física non vai a máis coa idade, senón todo o contrario: vai sempre a menos. E hoxe —comenta este fenés— as miñas forzas non son nin o trinta por certo do que foron na miña xuventude. Sei que non vou volver escalar xamais, pero ségueme gustando ir á montaña. A montaña é a miña vida. Porque ademais, nela tes unha visión da realidade completamente diferente. É algo que tes que vivir para podelo entender de verdade».

—Segue facendo vostede deporte cada día.

—Iso si, por suposto! O deporte é algo que non deixo por nada. Pode que xa non sexa o de antes. Pero sigo tendo moi claro que o corpo, se non o coidas, deteriórase moi rapidamente. Todos os días fago ximnasia na miña casa, sen fallar nin un. Como veño facendo desde que era aínda un rapaciño.

—E cando vai camiñar, ou cando anda en bicicleta, cantos quilómetros fai?

—Pois depende, porque ademais iso xa non o fago todos os días da semana. Cando saio camiñar fago uns vinte quilómetros, máis ou menos, iso é o máis habitual cando vou andar. E cando saio na bici, polo xeral, non chego a cincuenta quilómetros. Para min o importante é a continuidade.

«Río de Sáa é un paraíso natural no centro de Fene, no que habería que crear un paseo»

Seco sente un especial afecto polo val de Río de Sáa, en Fene. Un espazo situado onde remata a súa parroquia natal, Santa Mariña de Sillobre, e que aínda hoxe, a pesar das alteracións que experimentou ao longo do tempo, é unha área natural que posúe unha extraordinaria riqueza ecolóxica.

—Un enclave que é parte da súa vida.

—Así é. Un lugar importantísimo para min, e que eu defendín sempre, porque é un paraíso natural no centro de Fene. No ano 1979, coa axuda de Julio Criado, conseguín que a través del se abrise o camiño que leva a Fene desde a Pegariña. E no ano 1997, xunto con Pepe, O Taxista, e Antonio, O de Lemos, logrei que por fin se abrise o camiño que leva desde o propio Río de Sáa ata O Balado.

—E agora ten vostede, tamén para Río de Sáa, un par de proxectos máis...

—Así é. Ante todo, gustaríame que se puidese facer un paseo para camiñar en paralelo ao río. Porque como agora o camiño está asfaltado, e por alí pasan os coches, cada vez é máis complicado andar a pé por ese lugar marabilloso. Entón, o que propoño é que se faga un paseo de madeira, coma os que hai á beira do mar, duns 450 metros de lonxitude, que permitiría pasear sen ter que pisar o asfalto.

—E o seu segundo proxecto, cal sería?

—Xerar alí unha lagoa que permitise recuperar os anfibios desta zona, ademais de servir de lugar de descanso para moitas aves. En xeral, creo que sería moi importante repoboar as nosas augas coas especies que foron perdendo. Deixar que a natureza recupere a súa vitalidade. Moitas veces non somos conscientes da riqueza que supoñen os ríos, a pesar de que nós mesmos estamos feitos, fundamentalmente, de auga. Sillobre, por exemplo, ten unha riqueza de acuíferos excepcionais, que xorden na súa maioría arredor do cumio de Marraxón. Eu propoño que se cree unha ruta arredor de todos os pequenos ríos que temos. Pequenos ríos que hai que protexer como se merecen. Da mesma maneira que me gustaría que se recuperasen todas as fontes que se foron perdendo. As fontes son vida.