—Ao galego, como lingua, que futuro lle agarda?
—Pois agárdalle o futuro que lle queiramos dar os galegos. De nós depende. Nas nosas mans está que haxa un futuro para o galego ou que o galego acabe por desaparecer. É certo que desde as altas instancias do país non se está a facer absolutamente nada para que o galego teña futuro, máis ben todo o contrario, pero sendo iso certo tamén temos que ter en conta que as linguas, aínda que haxa quen pense o contrario, non se falan por decreto. Fálanse porque os falantes teñen vontade de falalas... ou non. Así que neste caso tampouco podemos descargar a nosa responsabilidade nos demais. Quero dicir que non é unha cuestión de obrigas, senón algo moi diferente.
—En que sentido?
—Digo que non é unha cuestión de obrigas porque no fondo do que estamos a falar, sobre todo, é de sentimentos. O amor á lingua galega tes que sentilo. Como tes que sentir que amas a cultura galega toda. Se iso non é así, pouco queda que facer. Cantas en galego porque sentes que tes que cantar en galego. Da mesma maneira que un pode escribir versos en galego, e non noutra lingua, porque iso é que o lle nace do corazón. E conste que digo isto sendo perfectamente consciente de que hai xente que prefire expresarse noutra lingua distinta. E non pasa nada, todo o meu respecto. Á fin e ao cabo, as linguas non son outra cousa que unha ferramenta para que nos poidamos entender. Pero eu teño moi clara a miña opción.