«Este premio é un incentivo moi grande para continuar investigando»

Gala Dacosta / A. U. FERROL

FERROL

Gema García

A cedeiresa Ana López Cheda acaba de gañar un galardón polo seu método aplicado á medicina

19 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Aos seus trinta e poucos anos, a cedeiresa Ana López Cheda leva ás costas moito tempo de formación e múltiples experiencias no estranxeiro. Grazas ao seu labor investigador na «análise de supervivencia», acaba de acadar o Premio do Seio (Sociedad de Estadística e investigación operativa) da Fundación BBVA á mellor contribución metodolóxica en Estatística. Malia que a súa alma mater é a Universidade da Coruña, onde estudou Enxeñería Informática e agora traballa para o Centro de Investigación singular (CITIC), residiu en Finlandia, en Canadá e mesmo no Brasil. Cando iniciou a tese tivo a ocasión de escoller entre marchar doutorarse a Bélxica ou a Portugal, e decidiuse pola Universidade do Porto, onde deu un xiro á súa carreira e traballou para o Instituto de Saúde Pública.

-En que consiste o traballo polo que recibiu este premio?

-É un artigo que publicamos sobre o que estamos a facer os meus compañeiros e eu no grupo de traballo. Titúlase «Estimación no paramétrica de la incidencia y selección bootstrap de ancho de banda en modelos de mezcla de curados y no curados» e foi publicado na revista científica Computational Statistics & Data Analysis. Para ser máis específica, estudamos o que nós denominamos a «análise da supervivencia» ou o tempo que pasa ata que acontece un suceso de interese, que no caso dun paciente, é o tempo que transcorre dende que cae doente ata o momento da morte ou, nos pacientes curados, da recaída. Nós aplicámolo á medicina, pero é posible adaptar o método a moitos outros estudos que non teñen nada que ver coa saúde.

-Como funciona un grupo de investigación?

-Somos un total de 30 investigadores e repartímonos en varios grupiños de catro ou de cinco persoas. Cada un deses grupos desenvolve tarefas distintas en función do campo no que esteamos especializados. O meu é o aplicado á saúde, e todos levamos ese premio grazas ao traballo conxunto.