«A Guerra Civil é un episodio cheo de mitos no que quero incidir»

Gala dacosta / a.u FERROL / LA VOZ

FERROL

JOSE PARDO

O historiador ferrolán publica «Soldados forzosos», un libro sobre os galegos que foron recrutados durante a Guerra Civil

06 jul 2021 . Actualizado a las 20:14 h.

Escritor e doutor na Universidade de Santiago, Francisco Leira (Ferrol, 1987) acaba de publicar con Galaxia Soldados forzosos. A memoria esquecida da guerra civil, un libro de divulgación que recupera historias de galegos que foron obrigados a incorporarse ás filas na guerra civil. A investigación da que parte a obra foi galardoada cos premios Miguel Artola, Juana de Vega e cunha mención honorífica da organización Abraham Lincolm Brigade Archives de Nova York. O libro ven acompañado de fotografías de arquivo que foron recompiladas durante unha exhaustiva investigación.

-Parabéns polo libro e polos premios á investigación. Que dificultades atopou para adaptala a un formato máis asumible para o lector?

-Aprender a ser máis sintético na escrita, para min foi un reto reducir seiscentas páxinas de traballo académico a trinta. Invito a todo investigador a intentalo, porque axuda a saber que é o que hai que destacar segundo que público. Tampouco foi doado buscar fondos fotográficos, foi un traballo de investigación complexo.

-Non é común atopar un libro de divulgación con tantas fotografías de arquivo, como xurdiu a idea de acompañalo de documentos visuais da Real Academia Galega, da Biblioteca Nacional ou do Real Arquivo de Galicia, entre outros?

-A idea xurdiume cando descubrín un conxunto fotográfico que acompañou ao exército sublevado, no cal participaron algúns dos mellores fotógrafos galegos da primeira metade do XX, como Jaime Pacheco e Ángel Llanos.

-Intenta poñer cara ou polo menos servir de altofalante para os recrutados forzosos galegos, pero podemos atopar algunha personaxe coñecida entre esas fotografías?

-Atopei fotografías de Franco, do xeneral Aranda, do desfile da vitoria de Valencia... Pero tamén do día a día dos soldados. Moitos eran membros da sociedade civil, pero distinguidos no momento, como o doutor Rafael Vega Barrera.

-Cal é exactamente a pretensión deste libro?

-O libro trata sobre un episodio da nosa historia recente que está cheo de mitos. Quixen facer unha traxectoria vital dos galegos recrutados de maneira forzosa por ambos os dous bandos, e digo forzosa porque nese momento non houbo un enfrontamento violento a nivel social, senón a nivel discursivo entre os políticos. É un asunto no que quero incidir, e coas fotografías creo que se consegue un libro doado e pouco pesado para o lector.

-Cres que se fala pouco deste capítulo da historia?

-Si, ou o enfoque mantén certos mitos que estaría ben ir cambiando. Pola nosa parte, os historiadores temos a obriga de derrubalos: a xente non quería ir á guerra, ninguén quería vivir esa experiencia.

-Este libro forma parte dunha iniciativa á que leva anos dedicándose. Que é o proxecto «Pasado recente»?

-Consiste nun proxecto de memoria histórica para que a xente que tivese familiares que participaron na guerra envíe cartas, fotografías, diarios... Poden contactar comigo a través do meu blog, Memoria e historia, que ten a intención de converter todos eses documentos en historias nun arquivo dixital.