Francisco Pérez Porto: «O labor dos alfareiros de Buño fixo que eu me namorase da cerámica»
FERROL
Afirma que «as formas esencialmente galegas sempre carecen de liñas rectas»
28 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A Francisco Pérez Porto gústalle lembrar que naceu no lugar do Penedo, na parroquia fenesa de Barallobre, territorio sempre tan vinculado á memoria do seu pai, o poeta Xosé María Pérez Parallé. «A figura do meu pai, todo o seu exemplo de vida, sempre foi excepcionalmente importante para min. E segue sendo unha referencia. Meu pai -subliña Pérez Porto- non só foi un gran poeta, un escritor ao que por desgraza aínda non se lle recoñeceu a súa auténtica dimensión literaria, senón que sobre todo foi un home bo e xeneroso, que traballou incansablemente, e de xeito desinteresado, polo ben de todos, polo ben común. Ao longo da miña vida quixen, e quero, facer as cousas como el as faría».
-Como valora vostede hoxe a situación que atravesa a cultura galega?
-Na miña opinión, a cultura galega precisa, sobre todo, manter vivas as súas raíces, reivindicando o seu lugar na historia. E cando afirmo isto quero deixar claro que estou a falar tanto do ámbito creativo, da arte que nos define na nosa condición de galegos, como do que atinxe a unha visión social do que é o feito creativo e o traballo na cultura. Hai que facer que a creación artística e cultural estea ao alcance de todo o mundo. Iso era o que meu pai pretendía, por certo.
-Que queda hoxe do legado de Parallé?
-Queda, en primeiro lugar, e sobre todo, a súa obra literaria, que é dunha gran fondura. O que ocorre é que el non puxo xamais nin o máis mínimo interese en publicar nada. Cada vez que publicou algo foi porque alguén o foi ver á casa para insistirlle en que se editase o seu traballo, a súa poesía. E despois está aí tamén o seu labor, tan xeneroso. Un labor que situou ao municipio de Fene no cumio da cultura de Galicia, converténdose nunha referencia permanente durante moitos anos.
-Como chegou vostede ao mundo da cerámica?
-Pois mira, eu cheguei á cerámica desde a miña fascinación polo traballo dos alfareiros. Que era una cousa que tamén tiña fascinado ao meu pai. De feito, o meu pai traballou moito para dar a coñecer a alfarería de Buño, incluso organizou unha gran exposición para tender pontes entre esa artesanía e os máis diferentes sectores da sociedade galega. E así empezou todo, tamén no meu caso. O labor dos alfareiros de Buño fixo que eu me namorase da cerámica. Ata botei con eles un tempo.
-E iso...?
-Iso foi nos meus comezos. O primeiro que fixen foi ir a Buño aprender a utilizar o torno. E, desde aquela, esa foi unha ferramenta fundamental para min. O torno permitiume adentrarme no corazón de formas esencialmente galegas.
-E cales son esas formas?
-As formas esencialmente galegas son as que carecen de liñas rectas, como a alma de Galicia. Fíxate en todo canto nos rodea. Nos nosos montes, sen ir máis lonxe. Son montes aos que foi suavizando o paso do tempo. Na súa forma, coma na nosa alma, todo busca a dozura, non ferir.
«Estou moi ilusionado co museo da miña obra que se vai abrir en Esmelle»
Estes días, Francisco Pérez Porto, Fran, vese especialmente contento. Na cidade de Lugo acábase de inaugurar unha fonte monumental na que traballou con todas as súas forzas; unha fonte que é, desde a escultura feita con materiais cerámicos, a súa persoal homenaxe ás Lavandeiras. Mentres, na parroquia ferrolá de San Xoán de Esmelle, na que se atopa outra gran escultura súa, o monumento dedicado ao mago Merlín, vaise abrir agora, por fin, tras todos os retrasos causados pola pandemia, o museo dedicado á súa obra.
-Cando se poderá visitar ese museo?
-O previsto é que se abra este mesmo verán, xa. Todo está listo. Nestes momentos o único que falta é rematar de acondicionar o entorno.
-Vese moi ilusionado.
-Estou moi ilusionado, si señor. Así é. Estou moi ilusionado, sobre todo, co museo da miña obra que se vai abrir en Esmelle, porque é froito da miña relación cun lugar e cunhas persoas moi especiais. En Esmelle todo é especial: a xente, a paisaxe, o patrimonio rehabilitado, o afecto polas letras e polas artes. Parece milagroso que un lugar tan pequeno poida ter escrito xa o seu nome con letras tan grandes na historia de Galicia, pero así é. Esmelle é algo formidable. E eu sempre lle estarei agradecido á xente de Esmelle por crear un museo para a miña obra, que ademais vai estar nun enclave moi singular: no lugar coñecido como A Cochera.
-Nestes momentos, está preparando algunha nova exposición?
-Estou traballando moito, e non deixo de pensar en pezas novas. Pero non é tanto que estea preparando unha nova exposición, como que sinto a necesidade de seguir creando, para poder ter obra nova se, nalgún momento, sinto que de novo quero expoñer a miña cerámica. Niso estou.