Elia Rico: «O teatro de Ricardo Carvalho Calero dialoga abertamente co noso século»

FERROL

Elia Rico defende a necesidade de manter viva a memoria de Carvalho Calero
Elia Rico defende a necesidade de manter viva a memoria de Carvalho Calero CESAR TOIMIL

Medulio retoma a montaxe de «Farsa das zocas», obra que estreará este mesmo ano

27 may 2021 . Actualizado a las 19:26 h.

A poeta e mestra Elia Rico (Meira, 71 anos) é a presidenta de Medulio, a sociedade cultural ferrolá que, tras a obrigada paréntese nos seus proxectos imposta pola pandemia, vén de retomar un dos seus proxectos máis queridos: a posta en escena de Farsa das zocas. Una obra teatral que Ricardo Carvalho Calero escribiu cando vivía no barrio de Esteiro, que se publicou no número un da revista Grial e que foi estreada en Lugo, en 1953, polo grupo Fingoi. Unha obra inspirada no mundo rural galego que parte dun relato popular recollido -como no seu momento sinalara Henrique Rabuñal- nas terras de San Sadurniño. Pero que, como a propia Elia Rico comenta, e aínda utilizando como marco de referencia un ámbito decididamente «tradicional», aposta, sobre o escenario, e dun xeito moi decidido, pola «modernidade». «O teatro de Ricardo Carvalho Calero -di Elia- dialoga abertamente co noso século. E confiamos -engade- en que a posta en escena desta obra sirva para reivindicar un autor fundamental, do que a nosa cidade, ou cando menos un parte da nosa cidade, tende a esquecerse cunha facilidade excesiva»

-Vostede, que ten no teatro unha das súas grandes paixóns, tamén vai subir ao escenario, esta vez.

-Si, así é. E faime moita ilusión.

-Despois do ano dedicado a Carvalho Calero con motivo do Día das Letras Galegas, e a pesar do labor que arredor da súa obra veñen facendo investigadores da importancia e da altura intelectual de Pilar García Negro ou Martinho Montero Santalha, vostede ten a impresión de que o mundo cultural volve esquecer, un tanto, o legado do escritor e profesor ferrolán.

- Non é só que eu teña a impresión de que está a suceder iso, que por suposto que si, senón que iso xa se está a facer tan evidente que resulta ferinte para calquera persoa que de verdade ame a Galicia e a todo o que Galicia é. Esquecer a Carvalho Calero é pretender ignorar unha parte fundamental do que nós, os galegos, somos como pobo.

-A recuperación da casa natal de Carvalho, en Ferrol Vello, que por fin vai ser realidade, era unha vella reivindicación súa.

-Era unha vella reivindicación nosa, en efecto, pero quero lembrar que non só Medulio estaba a pedir iso. Era algo que pedían moitas entidades e, por suposto, moitos cidadáns, tanto de Ferrol coma de fóra de Ferrol. Restaurar a súa casa será un acto de xustiza. E por suposto que para nós é moi importante que iso vaia ser realidade despois de tanto tempo de espera. Pero gustaríame deixar outra cousa clara, tamén...

-Dígame.

-Que nós entendemos que a casa de don Ricardo debería estar dedicada fundamentalmente a fins culturais. Non quero dicir que non poida haber alí ocasionalmente outro tipo de cousas, pero o xusto é dedicala á cultura. Aquí temos moi mala memoria...

-¿En xeral?

-En xeral tamén, si. Pero sobre todo como cidade. Ferrol segue estando en débeda con Carvalho.

«Ferrol segue sendo unha cidade moi contraditoria, que esquece as súas raíces»

Afirma Elia Rico que «Ferrol segue sendo unha cidade moi contraditoria». Unha cidade, di a presidenta de Medulio, que «a miudo esquece as súas raíces», e que tende «a pensar que unha maneira de ser moderno é carecer de identidade propia e tratar de asumir a identidade dos demais». «É triste -subliña Elia- que a aquí se esqueza tan a miúdo que unha das mellores maneiras de andar polo mundo é saber quen somos, cousa que en nada se contradí -subliña- con amar tamén a cultura e a historia dos demais».

-¿Que bota en falta a día de hoxe, vostede, no movemento cultural ferrolán?

-O que eu boto en falta no movemento cultural ferrolán non é só cousa de hoxe, senón que vén de moi atrás. Boto de menos, por exemplo, a determinación necesaria para acometer grandes obxectivos. ¿Cando nos imos preguntar por que Ferrol non é aínda Patrimonio da Humanidade? ¿É que non temos nin a máis mínima capacidade de autocrítica para recoñecer que se fixeron moitas cousas mal? E volvendo ao que xa dixen antes, creo que Ferrol, tamén a través da cultura, debería mirarse no espello e empezar a saber quén é. Somos unha cidade que xogou un papel fundamental no nacemento de movementos tan importantes coma as Irmandades da Fala. Deberiamos ser cando menos un pouco máis xenerosos coa nosa historia. Aquí, repito, segue habendo moita desmemoria.

-¿Por que?

-Porque seguimos sen saber defender o que é verdadeiramente noso. Por iso nos pasa o que nos pasa con Carvalho Calero. ¿Por que nin sequera se celebrou en Ferrol o acto central do Día das Letras dedicado a el? ¿E por que consentimos que volva, tan axiña, o silenzo arredor da súa figura? Don Ricardo foi un home libre. E segue pagando as consecuencias.