Ferrolterra énchese de actos para celebrar o Día das Letras Galegas

r.p.p. FERROL

FERROL

CEDIDA

Premiado o IES Punta Candieira por un programa de radio sobre Xela Arias

17 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A comarca celebra hoxe o Día das Letras Galegas, despois dunha fin de semana salpicada de actos. Concellos como o naronés reservaron para hoxe os seus actos. Así, a Praza da Lectura, nas Vivendas da Mariña, acollerá todo o día o programa N de Narón. A festa das letras. Ás doce da mañá haberá teatro da man de Soraya Lema, que representará a obra Aldara na montaña. Á unha comezará o espectáculo musical O soño dos golfiños, ao que porá voz Elena Paz. E pola tarde, ás cinco, Compañía Eléctrica representará Carabranca, unha proposta de narración oral pola igualdade coa actriz e psicopedagoga Iria Pinheiro. Despois virá o espectáculo en galego e inglés Picnic, de Pérez & Fernández (17.50 horas) e pechará o programa A música das buguinas, de Mamá Cabra & Bellón Maceiras (18.45). Ademais, haberá espazos para a biblioteca municipal e as librarías Pasapáxina e Day, que organizou unha firma de libros.

Pola súa banda, o auditorio municipal de Cariño acolle a partir das sete da tarde O exército das paxariñas, con Soraya Lema e Adela Dios, que ofrecen narración oral con música en directo. E o centro sociocomunitario de Mañón, en O Barqueiro, programa para as 12.00 Xeliña fala galego, de Caxoto Contacontos.

O IES Punta Candieira de Cedeira foi un dos oito gañadores do terceiro concurso de podcasts Radio na biblio, que organiza a Xunta, por lo traballo Voces para Xela, sobre a homenaxeada hoxe, a poeta Xela Arias. Recibirá mil euros para actividades no centro.