«Coa pandemia foi necesario traballar as emocións cos nenos ingresados»

Bea Abelairas
Bea abelairas FERROL / LA VOZ

FERROL

Pilar Porta, profesora del aula hospitalaria
Pilar Porta, profesora del aula hospitalaria CESAR TOIMIL

Tras unha temporada complicada acaba de recoller un premio educativo nacional

16 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A pasada fin de semana Pilar Porta, a profesora da aula que acolleu aos nenos ingresados, e Belén Pita, do CEIP A Magdalena de As Pontes, recolleron un galardón nacional polo programa TEI (Tutorías Entre Iguales). Un recoñecemento que chega tras un ano complicado no que tivo que replantexar as actividades que fai cos nenos hospitalizados.

-¿Como está?

-Recén regresadas de Santander, a compañeira Belén Pita e máis eu estamos enormemente satisfeitas de pasar por esta experiencia dun Congreso presencial no que participaron 800 persoas en modalidade telemática, e sendo nós convidadas para facelo en directo, entre non máis de 40 persoas.

-¿Que supón o premio?

-Un recoñecemento aos nosos centros, aula hospitalaria e CEIP de A Magdalena de As Pontes, no ámbito da integración escolar, a inclusión educativa, a non violencia e a relación entre iguais.

-¿Que teñen detectado neste traballo?

-Fomos conscientes, ao compartir con outros profesionais de toda España, da innovación e transcendencia pedagóxica do noso proxecto intercentros. Este non é un recoñecemento a dúas persoas senón ao conxunto de numerosos profesores e máis de cen alumnos do colexio pontés, que elaboraron diversos xogos, quebracabezas, álbums ilustrados, taboleiros e cortinas contahistorias, a partir da maleta dos contos sanadores rodantes. Fixeron chegar todas esas creacións ao alumnado hospitalizado para o seu disfrute e beneficio, establecendo esa titoría entre iguais pola que obtivemos este recoñecemento ámbolos dous centros.

-¿Como lles foi na aula sanitaria durante a pandemia?

-Como o resto de centros escolares da Área Sanitaria de Ferrol, cunha adaptación constante, e seguindo os protocolos que dende o ámbito educativo e sanitario se foron instaurando en función da situación e a variabilidade da pandemia.

-Foi máis complicado para os nenos e as súas familias...

-Ten sido complicado para todos, tanto para os nenos como para as súas familias, para o persoal sanitario dos nosos andares, e para min mesma. Dende a escola hospitalaria aproveitouse para traballar nunha liña máis individualizada e coa abordaxe de cuestións relativas ao benestar emocional do conxunto do alumnado.

-¿Que aprenderon da experiencia?

-Pois máis que ensinar, este proceso supuxo unha aprendizaxe constante que conlevou unha readaptación na resposta educativa destas escolas insertas nun hospital. Por exemplo, a dixitalización de contidos educativos nas distintas etapas, para que os nenos tiveran acceso; e abordáronse actividades, como diciamos, de educación emocional. Ademais, colaborouse con outras escolas hospitalarias e con centros da contorna na elaboración de xogos e recursos didácticos para o traballo individual deste alumnado nos propios cuartos. Ese foi o principal cambio, pasar de actividades máis colectivas a unha atención máis individualizada.

-¿Vai cambiar algo na aula a partir de agora?

-Coa pandemia foi necesario traballar as emocións cos nenos ingresados. Houbo que intensificar actividades individuais en relación con este tema, pero estamos desexando volver aplicar eses traballos de xeito conxunto cos nenos e nenas. E tamén, a volta, en canto as circunstancias o permitan, dos voluntarios e voluntarias, cos que compartiamos actividades, moi interesantes para o día a día da escola.