Marcos García: «Os malos tempos pasarán, e as gaitas volverán encher o aire de música»

FERROL

CESAR TOIMIL

O gaiteiro e luthier está convencido de que a cultura galega brillará de novo, «chea de entusiasmo»

03 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Marcos García (Ferrol, 44 anos) é gaiteiro. E á vez, como luthier, tamén construtor de gaitas. No seu taller de artesán, ao mesmo tempo que na súa música, segue vivo o legado de dous grandes gaiterios que permanecen na memoria de todos: Antón Varela, Tonecho, e Manuel García, Lolete. Co primeiro, histórico integrante de formacións como Raparigos e Os cempés, aprendeu o oficio de construír gaitas galegas (e, de feito, el é quen se ocupa desde hai uns anos do que fora o seu taller) e a facer da música do país unha ponte para dialogar con todas as grandes culturas do Atlántico. Co segundo (con seu pai) aprendeu, desde moi neno, a tocar; e tamén -todo sexa dito de paso- a vivir a música tradicional como unha maneira de estar no mundo de compartir o paso dos días coa xente á que máis queres e que máis te quere a ti.

-Momentos difíciles, os que trouxo consigo a pandemia, tamén para o seu sector...

-Foi horrible. Hai artesáns que non volverán abrir os seus talleres, aínda que eu teño que dicir que, a pesar de que o pasei moi mal, tiven a sorte de conseguir manter aberto o meu. As feridas que todo isto vai deixar detrás de si son terribles. O sector cultural veuse absolutamente desatendido durante a pandemia. E cando digo isto non estou pensando en min, senón en todas as persoas que, facendo cultura, viron desaparecer o seu medio de vida. ¡Houbo situacións tremendas, tremendas...! Isto, dun xeito ou doutro, vainos marcar a todos para sempre. Pero, aínda así, tamén teño que dicir que a pesar que a tristeza que nos envolve é evidente, eu sei que isto pasará, que quedarán atrás os malos tempos e que as gaitas volverán encher o aire de música.

-¿Pensou nalgún momento en tirar a toalla, en abandonar...?

- Non, eu nunca pensei en tirar a toalla. Pensei, iso si, en que quizais tería que volver a buscar un traballo distinto, fóra do mundo da artesanía e da música tradicional, para poder sobrevivir durante un tempo. Pero xamais se me pasou pola cabeza abandonar, aínda que foron moitos os meses, durante os peores momentos, nos que non tiven ingreso ningún e nos que non vía a maneira de poder saír adiante. Paseino realmente mal, pero se as cousas non se complican aíndamáis, creo que xa podemos dicir que se empeza a ver a luz ao final do túnel.

-¿Que habería que ter feito, e non se fixo, co sector cultural?

-As administracións públicas deberían ter tomado conciencia da verdadeira importancia do sector cultural. Pero, en xeral, non o fixeron. Eu recibín unha pequena axuda do Concello de Ferrol, pero foi o único. Nada da Administración central nin da Xunta.

-¿Como será o próximo verán?

-Eu penso que cando chegue o verán as cousas xa estarán moito mellor, e que volveremos actuar de novo. Con todas as precaucións, pero creo que pouco a pouco volverá haber actuacións de música tradicional. Despois de todo isto que vivimos, a cultura galega volverá con entusiasmo.

«As festas populares van revivir coa alegría de sempre, e tamén os festivais»

«En canto a pandemia quede atrás, en canto todo isto pase por fin -di Marcos García-, vai haber un estoupido de alegría e de liberdade. As festas populares van revivir coa alegría de sempre, e tamén os festivais de música tradicional, coma o de Ortigueira. A xente pasouno moi mal, porque isto foi moi difícil para todos, pero estou totalmente convencido de que vai haber -comenta o gaiteiro- unha auténtica explosión de creatividade».

-¿As gaitas galegas, como as que vostede fai, soan agora mellor que as que había hai cen anos?

-Eu non diría que soan mellor. Diría que soan dun xeito distinto. O seu son é outro, un son diferente. E afinan moitísimo mellor hoxe do que afinaban hai un século.

-¿Pola mellora dos materiais?

-Os materiais seguen a ser practicamente os mesmos.

-¿E onde está a mellora, logo?