Xosé Francisco Delgado: «A fe tamén nos ensina a saír fortalecidos dos momentos de maiores dificultades»
FERROL
El sacerdote ferrolano, párroco de Dolores, que «a Semana Santa é un bo momento para deixar atrás todo o superfluo»
09 may 2021 . Actualizado a las 18:21 h.Xosé Francisco Delgado é, ademais de párroco de Dolores, o capelán das confrarías da mesma advocación. E agora, cando comeza unha Semana Santa na que un ano máis non haberá procesións en Ferrol, fai un chamamento á esperanza. «Non se hai que deixar arrastrar pola desesperación -di Xosé Francisco-. Estes son momentos duros, pero hainos que vivir como unha proba. Estou convencido de que sairemos adiante». Naceu en Ferrol hai agora 64 anos, e é un grande coñecedor tanto das tradicións coma da historia da cidade. E está convencido de que o inmenso patrimonio cultural ferrolán, tanto o material como o inmaterial, serán obxecto, no futuro, dun recoñecemento inmensamente maior do que agora reciben.
-Como van as obras de restauración da igrexa de Dolores?
-As obras avanzan. Neste momento, concentradas no tellado, que ademais é algo moi urxente, porque a cuberta precisaba dunha restauración moi importante. Para min, ver que as obras da igrexa de Dolores están en marcha xa, é, cada día, un motivo de enorme alegría, de felicidade. E ademais, sabes que?
-Dígame.
-Vexo a igrexa toda cuberta de andamios e quedo mirando para ela. Parece unha obra de arte contemporánea.
-Pasouno vostede mal, mentres o templo permanecía pechado por completo á espera de que o rehabilitasen.
-Si, moi mal. Paseino realmente mal. Chegou un momento no que xa incluso pensaba que non se restauraría nunca. Ás veces as forzas acábanse, e este tempo de pandemia, dun xeito ou doutro, xa nos leva feito moito dano a todos. Pero a fe tamén nos ensina a saír fortalecidos dos momentos de maiores dificultades.
-A Semana Santa ferrolá está sendo este ano algo moi distinto do que a cidade desexaría.
-Si, así é. Pero iso non é a primeira vez que nos pasa, verdade? Moito peor aínda foi o ano pasado. Así que, insisto: temos que saber extraer tamén destes momentos tan duros algo positivo. Nestas circunstancias, temos que vivir a Semana Santa dun xeito máis intenso. No noso interior, dentro de nós mesmos. O ano pasado non houbo celebración de ningún tipo. Este ano non haberá procesións, pero polo menos a xente poderá contemplar as imaxes. É unha opción. Pero eu, en calquera caso, repito: temos que avanzar no camiño de buscar unha maior espiritualidade.
-E como se fai iso?
-Hai que prescindir do efémero, do superficial, e entender que o tempo da Paixón tennos que servir para reflexionar, para ser mellores. O noso horizonte ten que ser a transcendencia. A Semana Santa é un bo momento para deixar atrás todo o superfluo.
-Non é fácil...
-Non, fácil non é. Pero eu penso que debemos tomar conciencia da importancia de avanzar nesa dirección. Tanto os crentes coma os non crentes necesitamos repensar as nosas vidas. E agora, máis que nunca. Así que esta é una boa ocasión para facelo.