Sabela Sánchez, especialista do CHUF: «O pico da incidencia pode ser agora, pero o de ingresos virá máis tarde»

Carmela López
carmela lópez FERROL / LA VOZ

FERROL

Sabela Sánchez Trigo, especialista en Medicina Interna
Sabela Sánchez Trigo, especialista en Medicina Interna JOSE PARDO

A internista sostén que o repunte ten relación coa relaxación no Nadal

31 ene 2021 . Actualizado a las 10:38 h.

O elevado número de ingresos hospitalarios por covid-19 está a provocar que o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) teña que derivar pacientes a hospitais do Sergas de Lugo e Pontevedra. É una posibilidade prevista no Plan de Contixencia, como unha medida máis para poder dar resposta á situación cambiante que xera o coronavirus. Os traslados interhospitalarios que se fixeron ata o de agora foron sempre como medida de anticipación ao posible empeoramento de pacientes susceptibles de precisar coidados críticos na uci. A facultativa do CHUF Sabela Sánchez Trigo, especialista en Medicina Interna, asegura que o repunte de casos e de hospitalización aínda non chegou ao pico máis alto.

-¿Existe unha explicación ao elevado número de ingresos de pacientes covid, entre eles o de xente nova?

-O que estamos vendo é que hai moita hospitalización, que está relacionada directamente co incremento de afectados, igual que os falecementos. Cantos máis casos hai na poboación, máis pacientes acabarán nos hospitais. E canto máis maior é o paciente, o máis probable é que acabe hospitalizado ou incluso na uci. As cousas nesta infección teñen unha secuencia que se vai repetindo constantemente e non se modifica. Entre un 5 e un 10 % dos que se infectan van requerir hospitalización, e con bastante frecuencia, o ingreso en uci, porque necesitarán un soporte ventilatorio.

-¿Cal cre que pode ser a orixe deste repunte que está a haber agora?

-O incremento da incidencia, e polo tanto da hospitalización, está relacionado directamente coa relaxación das medidas anticovid que houbo durante as celebracións do Nadal. Parece claro que está relacionado con eso, e agora temos as consecuencias e probablemente aínda non estemos no pico máis alto da hospitalización.

-Pero fálase de que xa podemos estar acadando o pico desta terceira ola...

-O pico da incidencia pode ser agora, pero o pico da hospitalización virá máis tarde. Está claro que vai ser así.

-¿A elevada incidencia e hospitalización que se está rexistrando pode deberse á aparición doutras cepas do virus?

-Polo de agora non hai evidencia científica, non o temos confirmado. Os datos de letalidade non se están vendo incrementados. Non sei que papel pode xogar a presenza doutras cepas máis virulentas, pero o que sabemos con total seguridade é que está claramente relacionado coa maior sociabilización. Se se queren evitar os ingresos hospitalarios, hai que restrinxir os contactos. O virus ataca a base da nosa cultura, que é a sociabilización. Ese é o problema no que queremos incidir, co fin de acadar que haxa menos ingresos hospitalarios.