Xaquín Marín: «O humor é algo esencial na alma dos galegos, é parte do noso xeito de existir»

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL

ANGEL MANSO

Afirma que «o paso do tempo haino que ver sempre con naturalidade»

25 ene 2021 . Actualizado a las 18:11 h.

Aos seus 77 anos de idade, Xaquín Marín cumpre, e celebra, 50 anos no mundo da prensa. Deles, 33 nas páxinas de La Voz de Galicia. Di que xa non ten o entusiasmo de antano, pero está, en todos os sentidos, coma sempre. É un excepcional ser humano, cheo de vida, e sen dúbida un dos personaxes máis queridos do país. Extraordinariamente xeneroso, fondamente tolerante e decididamente comprometido coa xente e coa cultura de Galicia, Xaquín xa é, en vida, un clásico. De trato moi afectuoso, no persoal sempre foi a encarnación da bondade. Din, os que o coñecen desde que era neno, que xamais tivo unha mala palabra para ninguén. Como creador brillou en ámbitos coma o da pintura. Pero el é, por riba de calquera outra cousa, un auténtico mestre nunha das máis fermosas formas do xornalismo de cantas existen: a que, a través das viñetas, se fai con humor... e con luz.

-Como dicimos sempre, o humor é máis necesario que nunca.

-Efectivamente, neste tempo terrible noso, o humor é máis necesario que nunca; e no xornalismo, tamén.

-Para facer máis soportable a realidade?

-Para facer que poidamos soportar a realidade, si. Pero non só para iso. Cando se trata de entender por que a vida nos golpea tantas veces, non se pode caer no dramatismo. O dramatismo non axuda. En cambio, o humor, si.

-Hai un humor esencialmente galego?

-Pois, hoxe mesmo, non sabería que responderche a iso [ri Xaquín]. Non sei se hai un humor esencialmente galego, pero o que si sei é que na alma dos galegos o humor é esencial, porque é parte do noso xeito de existir.

-E iso, de onde vén?

-Na miña opinión, é probable que veña da nosa propia historia como galegos, que é a dun pobo que, por unhas razóns ou por outras, sempre tivo que defenderse. O humor fixo posible que os galegos puidésemos vivir sempre á defensiva, ao longo da nosa historia, pero sen lle facer mal a ninguén xamais. Que é unha cousa moi importante, paréceme a min. O humor é unha maneira de defenderse, pero unha maneira intelixente.

-Desde hai meses está vostede, de novo, en Extremadura, onde reside parte do ano. Non bota Galicia de menos?

-Eu aquí vivo nun pobo moi pequeno. E a verdade é que agora, co coronavirus, xa case nin saio da casa. Pero as novas tecnoloxías, coas que estou en contacto o día enteiro, permítenme manterme en contacto permanente con Galicia. Da mañá á noite. Ademais, e todo hai que dicilo, eu, ande por onde ande, síntome en Galicia sempre.

-Leva a Galicia con vostede...

-Non me atrevería a dicir eu tanto. Pero o que si podo dicir é que todo canto é parte de Galicia síntoo como parte de min. Sempre foi así.

-Desde a perspectiva que lle dá o paso do tempo, se mira atrás, que ve?

-Que o tempo pasou. Pero o paso do tempo haino que ver sempre con naturalidade.