Martinho Montero Santalha: «Galicia está chea de creatividade, pero a lingua ten un futuro moi difícil»

Insiste na necesidade de dar a coñecer todo o legado intelectual de Carvalho Calero


ferrol / la voz

Martinho Montero Santalha segue a traballar, estes días, nun dos seus maiores proxectos: o seu ensaio sobre a vida e a obra de seu mestre -e amigo- Ricardo Carvalho Calero. Un volume que espera poder ter rematado, por fin, no 2021. E que ten a súa orixe no desexo de seguir avanzando no estudo da figura de Carvalho, do polígrafo ferrolán, á que xa lle dedicou un primeiro libro hai case 30 anos, en 1993. Natural de Cerdido, onde naceu no ano 1947, Martinho foi alumno do Real Seminario de Santa Catalina, en Mondoñedo, e posteriormente estudou, entre outras universidades, na Gregoriana de Roma, onde se doutourou en Teoloxía e da que chegou a ser profesor. Máis tarde, xa de volta en Galicia, proseguiu afondando noutro dos seus ámbitos de coñecemento preferidos, a Filoloxía, e foi profesor, ata a súa xubilación, da Universidade de Vigo.

-Di vostede que o 2021 tamén debería de ser un ano dedicado a Ricardo Carvalho Calero...

-Si, así o penso. O ano 2021 tamén debería estar dedicado a lembrar a figura de Ricardo Carvalho Calero. Este ano, coa pandemia, foi imposible levar a cabo a maior parte das cousas que estaban previstas. E se ben é certo que a Academia Galega fixo un gran traballo e un gran esforzo no ámbito virtual, a través de Internet, tamén é certo que Carvalho merece que o seu legado sexa abordado máis alá do meramente dixital. Penso que Carvalho merece que Galicia teña un contacto directo con todo o que el nos legou. Hai que dalo a coñecer de verdade en moitos máis ámbitos. Por exemplo, no ensino.

-¿Que aspectos da vida e da obra de Carvalho Calero están aínda pendentes de ser estudados?

-Hai moitos e moi bos traballos, xa. Pero sempre quedan cousas por dicir. Carvalho é unha figura inmensa. Sempre que volves a el te sorprende. Eu mesmo, durante a pandemia, volvín reler a súa poesía, e impresionoume moito. Era un extraordinario poeta, cousa que, a día de hoxe, aínda se di moi poucas veces, a pesar de que a súa poesía foi un auténtico descubrimento para moita xente. En xeral, e en contra do que a miúdo se pensa, Carvalho segue a estar, en moitos sentidos, oculto. Por iso é tan importante dedicarlle tamén o 2021.

-¿E cal é a razón de que siga estando así?

-O seu posicionamento sobre o problema da lingua.

-A súa aposta polo reintegracionismo, polo achegamento ao portugués.

-Claro. E todo iso, que ademais fixo que o trataran como o trataron moitos dos que rexeitaban as súas propostas, aínda hoxe está ocultando gran parte do seu legado.

-¿Que será, no futuro, de Galicia e da lingua galega?

-¿Quen o pode saber? Galicia está chea de creatividade, pero o problema demográfico é terrible, e ademais a lingua ten ante si un futuro moi difícil. Temos científicos, temos artistas e temos escritores, aquí non falta talento, pero a poboación decrece sen parar, e o idioma vai a menos. Non podo ser optimista.

«Teño moita saudade do mundo rural que vivín na miña infancia en Cerdido»

«Son consciente -di Martinho- de que xa é moi difícil, tamén, conservar a cultura rural galega. Como é moi difícil conservar calquera outra cultura rural europea. En Galicia, esa vida rural estaba intimamente vencellada a un mundo agrícola e gandeiro que desaparece ao mesmo tempo que o despoboamento se agrava. E iso prodúceme unha inmensa tristeza. Eu teño moita saudade do mundo rural que vivín na miña infancia en Cerdido».

-Un mundo no que era extraordinariamente importante a literatura oral.

-Por suposto. En todas as súas formas. As lendas, os contos, as cantigas, os refráns... ¡Canto se leva perdido xa!

Seguir leyendo

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Martinho Montero Santalha: «Galicia está chea de creatividade, pero a lingua ten un futuro moi difícil»