«Chorei moito mentres escribía estes poemas, foi un proceso moi doloroso», di a autora

La Voz

FERROL

JOSE PARDO

23 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Necesitaba facer este libro en memoria de miña nai. Era algo que precisaba. E fíxeno -di Medos Romero- todo o ben que souben facelo. Tan ben como ela merecía. Pero chorei moito mentres escribía estes poemas, foi un proceso moi doloroso para min. Foi algo tremendo. Rematei completamente exhausta».

-Na súa condición de profesional da sanidade, ¿como está vivindo vostede esta pandemia?

-Con moito sufrimento. Traballas nunhas condicións moi difíciles. E hai miles, e miles e miles de mortos. É terrible. Aterrorízanme a soidade e a miseria que o coronavirus trouxo consigo. Unha miseria e unha soidade que ás veces fan aparecer o peor do ser humano. As persoas somos capaces do mellor, pero a miúdo tamén nos podemos acabar comportando dun xeito moi insolidario. A min, por exemplo, sorpréndeme que tanta xente acabase vendo como normales cousas tremendas. Por exemplo, que tantos anciáns morresen completamente sós.

-O seu novo libro sae á rúa nun momento especialmente complexo para toda a produción cultural...

-É un momento complexo, si Pero ¿que momento non é complexo para publicar un libro de poesía? Se cadra, nestas circunstancias precisamos da poesía máis que nunca. Da literatura e dos libros, en xeral. Un libro pode ser, neste tempo tan duro, un gran amigo.

-¿Que deberíamos saber valorar hoxe máis que nunca?

-A vida, no seu conxunto. E por suposto a liberdade. Temos que tomar conciencia de novo do que verdadeiramente supón dar un paseo por un lugar fermoso, sentir o frescor do aire limpo e adentrarse nesa natureza que deberiamos coidar como o maior dos tesouros. Oxalá aprendamos algo de todo isto que está a pasar.