Ignacio Bellas, fruticultor: «Para vivir disto tenche que gustar pisar un campeiro ou unha horta»

Este pontés de 33 anos xestiona un viveiro de árbores froiteiras e unha plantación en Bardaos, San Sadurniño, onde tamén produce mel e coida un rabaño de ovellas


SAN SADURNIÑO / LA VOZ

Ignacio Bellas Castro (As Pontes, 33 anos) ten claro que para vivir do sector primario «tenche que gustar pisar un campeiro ou unha horta». De pouco serve que herdes unha finca á que lle poidas sacar un rendemento plantando árbores froiteiras se non sentes esa atracción pola terra que a el lle vén desde que era un rapaz. Estudou un ciclo formativo de xardinería e comezou a traballar nuns viveiros, ata que se decidiu a montar a súa propia explotación. Con seis ou sete anos a súa familia mudouse a Bardaos, en San Sadurniño, e é alí, nas fincas que pertencían á súa avoa materna, que morreu hai un ano, onde instalou o seu viveiro de froiteiras, centrado nos castiñeiros e nas maceiras, e onde ten a súa plantación, «noviña, desde hai só tres ou catro anos».

«As árbores véndoas aquí directamente, a particulares, tanto a xente que vai facer plantacións grandes, de tres ou catro hectáreas, como á que quere catro ou cinco froiteiras para autoconsumo no xardín da súa vivenda», explica. Tamén comercializa parte da produción a través de tendas agrícolas ou centros especializados en xardinería. Vende a clientes de toda a zona, entre San Sadurniño, As Pontes ou Vilalba; e no caso dos castiñeiros, o mercado principal sitúase no sur da provincia de Lugo e algo na de Ourense, onde medran os soutos, que nos municipios costeiros apenas se ven, por mor da presenza masiva de eucaliptos.

«A produción que teño aínda é pequena e por aquí [Ferrolterra, Eume ou a Terra Chá] cómpranche dez, vinte ou trinta froiteiras, aínda que nos últimos anos hai quen quere máis ao ter que gardar as distancias e cortar as franxas [pola lei de prevención de incendios forestais]», para as zonas que quedan libres de especies de crecemento rápido. Ignacio plantou castiñeiros e algunha nogueira nos montes que os seus avós dedicaban ao eucalipto. «Nesta zona, o desenvolvemento vexetativo dos castiñeiros non ten ningún problema porque o clima é suave -sinala-, pero á hora da produción fáltalle o frío e o calor do interior. Para criar ben a castaña faille falta o calor».

Tendas e grupos de consumo

A froita que el produce canalízaa a través de pequenas tendas e grupos de consumo. «Véndese ben, cada vez hai máis xente que reclama un produto de proximidade, que apenas se trata con pesticidas, o máis natural posible», apunta. Recoñece que a súa froita «ten saída, e se tivera máis quilos, máis vendería», e ten plans para ampliar a plantación de mazá (agora anda polos 600 metros cadrados, con algo máis de 200 plantas). Produce entre 400 e 500 quilos de mazá ao ano, que destina ao mercado de mesa. Os prezos andan polos dous euros o quilo, moi por riba do que se paga pola mazá de sidra, que algún ano non supera os catro ou cinco céntimos.

A diversificación é a fórmula que atopou Ignacio para poder vivir no campo e do campo: «Ao final é como a biodiversidade, fronte ao monocultivo que se dá aquí, parece que só hai vacas e eucaliptos... Tes que diversificar. Eu tamén teño colmeas, a apicultura é outra actividade que ten boa rendibilidade. Fun buscando para encher o ano, porque entre mediados de xuño e mediados de novembro case non tes traballo coas árbores. E tamén teño un rabaño de ovellas», conta.

Escasa repercusión do covid

No caso deste fruticultor, o impacto da pandemia do covid-19 foi escaso: «Co sistema de traballo que levo, case toda a produción a vendo no inverno, e cando empezou o coronavirus xa tiña feito o ano». No viveiro, incluso lle puido repercutir nun aumento das vendas. Si o prexudicou pola cancelación de cursos e charlas que tiña programados para a primavera: «Iso perdino todo».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Ignacio Bellas, fruticultor: «Para vivir disto tenche que gustar pisar un campeiro ou unha horta»