Arturo Lamas: «O Toxos, que leva o amor a Galicia dentro de si, é unha gran familia»

Ramón Loureiro Calvo
ramón Loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL

JOSE PARDO

Afirma que «ser parte do coro é unha maneira de existir, preservada ao longo do tempo»

21 sep 2020 . Actualizado a las 16:29 h.

Tras longos meses sen ensaiar xuntos, os membros do Real Coro Toxos e Froles, o decano dos coros tradicionais galegos, volvéronse ver a pasada semana. O martes reanudaron os ensaios na súa sede, que por fin, tras ser sometida ás obras de reparación que tanto precisaba, reabre as súas portas. Comeza, para o Real Coro, unha etapa nova. E o seu presidente, Arturo Lamas, é moi consciente diso. Sabe -e así o subliña el mesmo- que «estes son tempos moi difíciles para todos». Mais enseguida engade que «ás circunstancias, sexan as que sexan, hai que facerlles frente»... e seguir «avanzando sen parar».

-Xa imaxino que o reencontro debeu de ser moi emotivo...

-¡E tanto que si! O reencontro dos coristas estivo cheo de emotividade, foi un día que imos lembrar sempre. A verdade é que durante o confinamento mantivemos o contacto entre nós, pero obviamente iso non é o mesmo. Volver cantar xuntos, aínda que sexa con todas as esixencias que implica manter as precaucións en materia sanitaria, é algo moi especial. E o peor de todo xa non é ter que cantar co rostro cuberto: o realmente terrible é non poderlles dar aos amigos nin sequera un abrazo.

-O feito de non ter podido ensaiar desde que comezou o confinamento, ¿ten consecuencias para o coro no aspecto artístico?

-Home, está claro que non poder ensaiar non che facilita as cousas, desde o punto de vista da interpretación. Pero nós, igual que fixeron, por exemplo, os deportistas, procuramos buscar solucións para que, aínda que cada un estivese na súa casa, puidesemos continuar coa nosa preparación musical. Para ser sincero, a min hai aspectos de todo isto que me preocupan aínda bastante máis que a interrupción dos ensaios, porque os ensaios, á fin e ao cabo, se retoman. E un deses aspectos é a sensación de incertidume que agora envolve todo. ¿Cando volveremos reanudar un programa de actuacións normais? ¿Alguén o sabe? ¡Non, ninguén o pode saber! E iso para nós é moi triste, porque o coro non só é unha agrupación artística. O Toxos, que leva o amor a Galicia dentro de si, é unha gran familia. ¡Sempre o foi! Unha gran e verdadeira familia. Ser parte do coro, ser membro do Toxos, é unha maneira de existir, preservada ao longo do tempo e transmitida de xeración en xeración.

-Son 105 anos de historia...

-Efectivamente. E a todos nos gustaría ter celebrado iso doutra maneira, pero non puido ser. As circunstancias que vivimos, ninguén podería telas imaxinado, pero tamén habería que lembrar que o Toxos foi, ao longo destes 105 anos, o suficientemente forte como para poder superar todos os obstáculos que se lle puxeron diante.

-¿Cal é agora o seu obxectivo máis inmediato?

-Ir normalizando, día a día, o labor diario do Toxos. En todos os ámbitos. Coma todo o mundo: pouco a pouco. Pero sen perder de vista o futuro xamais.