«Hai que seguir reivindicando a memoria das Irmandades da Fala e da Xeración Nós», di o presidente do Real Coro

La Voz

FERROL

JOSE PARDO

21 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Non podemos esquecer as nosas orixes -di o presidente do Real Coro Toxos e Froles-. Por iso hai que seguir reivindicando a memoria das Irmandades da Fala e da Xeración Nós. Non podemos deixar caer no esquecemento o labor dos que tanto fixeron por Galicia. E por certo -comenta-, estamos moi orgullosos de que o Toxos tamén vaia estar presente na mostra que se lle vai dedicar á Xeración Nós no Gaiás».

-¿Que fondos do Toxos haberá alí?

-Pois, entre outras cousas, un cadro de Bello Piñeiro e un manuscrito de Mal de moitos, que desde o punto de vista literario ten unha extraordinaria importancia.

-¿Segue entrando xente nova no Toxos?

-Algunha si, claro. Por sorte, si. Aí están as nosas escolas, que levan a cabo un labor excepcional. Un labor que dá froitos que están á vista de todos. Pero tampouco podemos esquecer que Ferrol ten un problema gravísimo...

-¿A que se refire?

-Refírome ao feito de que a xente nova marcha de Ferrol, porque aquí non atopa traballo. Non querería marchar de aquí, pero non lle queda outro remedio. Ferrol estase quedando sen rapaces, sen xuventude, e iso é algo que ten unhas consecuencias terribles para todo. Tamén para o mundo da cultura, naturalmente. Mais, aínda así, nós podemos dicir que relevo xeracional, no Toxos, incluso nestas circunstancias, e dígoo sen esquecer a situación na que está a cidade, segue habendo.

-¿Como será, para o coro, os meses que quedan deste 2020?

-¿E quen pode responder a esta pregunta...? Ninguén o sabe. Depende de mil factores. Pero o que si podo dicir, unha vez máis, é que o Toxos sairá adiante, como sempre saíu. Que ninguén o dubide.