Ficcións para reimaxinar os roles 

PABLO J. RAÑALES / B.C. FERROL

FERROL

CEDIDA

As obras de Peque Varela abren camiños cara novas perspectivas de xénero e do mundo

15 ago 2020 . Actualizado a las 22:15 h.

O impacto da súa contorna, do lugar no que naceu e no que se criou, a cabalo entre Ares e Caranza, impactou de pleno na súa curta de graduación: 1977, unha peza audiovisual independente estreada no 2007 con 15 premios e tamén nominacións no Sundance Film Festival e Clermont-Ferrand Film Festival. Xa aí estaba presente, como un elemento central, a propia historia persoal de Peque Varela, á que se lle suma a animación como segundo recurso fundamental no seu devenir laboral e artístico. Despois de 1977, sacará adiante outra peza, El Gato Encerrado, e compaxinará a súa faceta como curtometraxista e directora, o que realmente lle motiva, co traballo no ámbito publicitario. Afincada en Londres, onde estudou e fixo carreira tras marcharse de Ferrol, Peque Varela indaga na industria audiovisual en xeral, e tamén reflexiona arredor dos roles de xénero, a sexualidade e a identidade.

-En que proxecto está a traballar? Non sei se continúa vencellada á animación.

-Xusto agora estou facendo catro vídeos animados para unha oenegué de Italia, para formar aos traballadores e traballadoras sociais sobre a mutilación xenital femenina. Tamén estiven o ano pasado preparando os audiovisuais para a xira de Björk, baixo a dirección de Lucrecia Martel, e na edición e montaxe dos audiovisuais de Tobias Gremmler.

-De feito, leva tempo no ámbito internacional. É máis factible traballar no audiovisual en Londres que aquí, en Galicia ou España?

- Penso que si, aínda que un tamén ten que buscar o seu espazo. Eu estudiei en Londres, fixen a miña carreira alí, e notei que promocionan moito o seu audiovisual levándoo a festivais. Así podes coñecer a outros cineastas e que xurdan as colaboracións. Canto máis te mezcles con produtores e produtoras audiovisuais, máis oportunidades tes de que che saian traballos chulos. Dende Galicia tamén se podería chegar, o que pasa é que non está tan exposto o traballo, non hai tanto esforzo de que chegue, de que se vexa. Tamén inflúe que alí haxa máis diñeiro investido na cultura.

-Tardou moito tempo en asentarse no audiovisual?

-Foi algo orgánico e fluido, pero tamén de traballar a pedra. É dicir, traballar moito e traballar ben. Ser coherente, tamén, co que che gusta e non venderse. Aínda que, ó final, depende de cadaquén e do que se queira sacar do audiovisual.

-1977 publicouse no 2007. Con retrospectiva, como a sinte?

-Superfresca, a verdade. É unha mágoa que sexa tan relevante, pero si. Realmente, abre unha discusión sobre o xénero e a sexualidade, e iso é importante. É o mellor premio desa curta, que siga viva, que os cativos e cativas sigan plantexándose cuestións que me planteei eu de pequena.

-Cal é o punto máis forte do cine?

-Eu acerqueime ao cine porque me ensinaba cousas do mundo, da vida. É moi interesante que non che ensinen só o que se ve por un buratiño, polo buratiño do que se supón que ten que ser. É bonito ver outras perspectivas, outros puntos de vista, porque necesitas esas referencias ó crecer. Se ves roles positivos sobre a muller, se empezas a ver novos roles, podes imaxinar un futuro distinto. Porque se só deixan imaxinar que vas criar, vas cuidar, vas limpar… terminas pensando que iso é o que é. É esencial darlle ferramentas aos rapaces e rapazas para que saiban que poden ser o que queiran, independentemente do xénero que teñan.

-De cara ó futuro, como o ve?

-Agora eu estou alonxándome da publicidade e acercándome á música, ó teatro, shows en directo… buscando cousas que me motiven máis, que sexan máis bonitas de facer. Ou sexa, meter o meu tempo en cousas que teñan unha relevancia máis alá de vender unha lata de Coca Cola.

Orixinalidade e coherencia. Peque Varela expón que ambas cousas son esenciais para unha persoa que desee comezar no audiovisual. Insiste: «que non se dobre polas presións comerciais, que faga o que lle saia, o que teña que sacar. E se quere gañar diñeiro, que vaia á publicidade. Se quere ir cara ó arte, que faga pezas audiovisuais».