O Concello de Cedeira licita a rehabilitación do pazo de Moscoso

R. Loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL

cedida

O histórico edificio albergará a xefatura da Policía Local

25 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Cedeira vai rehabilitar o pazo de Moscoso, no casco histórico da vila. Un edificio, actualmente de titularidade pública, onde se instalarán a xefatura da Policía Local e os servizos municipais de Intervención. A obra sae a concurso cun orzamento de 496.462 euros. O plazo de presentación de ofertas, segundo subliña a propia administración local, «finaliza en 20 días». O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda, subliña que a execución deste proxecto está directamente vencellada ao compromiso do goberno local coa recuperación do casco histórico da vila.

Afirma o rexedor que o que busca o Concello é rexenerar «tanto patrimonial como economicamente o centro histórico da vila de Cedeira», e que o executivo local quere «contribuír á posta en valor» do centro da vila cun «investimento público de case medio millón de euros».

Arquitectura tradicional

O rexedor confía en que esta rehabilitación «teña a forza suficiente para abrir un tempo novo cara á recuperación da arquitectura tradicional e patrimonial no casco vello».

A superficie construída do inmoble que se vai rehabilitar supera os 530 metros cadrados.