Regina Touceda: «A nosa xeración ten un baleiro bastante marcado»

JOSÉ GRANDE SANTALLA / A. U.. FERROL / LA VOZ

FERROL

José Pardo

É a gañadora do XXXII Premio Pérez Parallé pola súa obra de poesía «Deriva»

19 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Estaba contenta co traballo que fixera, pero cando vin que se presentaran máis de 60 obras pensei que non tiña opcións». Parece que Regina Touceda (Cuntis, 1999) se equivocou. Comunicáronlle que era a gañadora máis nova na historia do Premio Xosemaría Pérez Parallé, na súa XXXII edición, mentres estaba de Erasmus en Cork, Irlanda, polo que tivo que volver a Galicia rapidamente para a entrega. Onte presentou Deriva, o seu poemario, no Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene.

—Fale un pouco sobre a túa obra, Deriva.

—É un libro circular que trata sobre as diferentes etapas da vida. Máis que nada é de carácter reflexivo e analiza todo o proceso de medrar e o baleiro que nos acompaña dende que somos pequenos. A nosa xeración ten un baleiro bastante marcado, non sei se é unha impresión xeral ou só miña. Iso, a medida que medramos. vaise carretando e en certos momentos de perda materialízase.

—En que ve ese baleiro xeracional?

—Creo que é pola desesperanza do mundo no que nos tocou vivir. Con toda a información que temos agora sabemos non só o que pasa aquí, tamén o que pasa no mundo. O feito de recibir montañas e montañas de contido fai difícil desenvolver unha personalidade propia.

—Sendo unha obra sobre medrar, aparece algún poema feito con anterioridade?

—Non, todos os poemas que aparecen están feitos expresamente para a obra. Antes tiña moitos textos soltos, pero quixen crear algunha colección conectada. Deriva foi un deses intentos, así que todo o que ten naceu no mesmo período de tempo.

—Cales son as súas influencias á hora de escribir?

—Eu diría que Arancha Nogueira, Miriam Ferradáns, Berta Dávila e María Lado, principalmente.

—Todos nomes de mulleres galegas.

—Si. Cando era máis pequena rexeitaba un pouco a literatura escrita por mulleres, pola educación supoño. Pero cando fun á universidade tiven a oportunidade de vela doutra forma.

—Como influíu Santiago de Compostela á súa obra?

—Foi esencial, sobre todo a que tivo a librería Chan da Pólvora, que pechou hai nada. Funcionaba coma unha especie de rede, así que conectounos a moita xente que escribíamos. Tamén descubrín a poesía galega contemporánea, que era algo que non tiña tan presente. E logo está o ambiente cultural da cidade cos recitais de micro aberto ou os slams de poesía, por exemplo. Pero non foron nada en comparación coa librería.

—É difícil compaxinar os estudos universitarios coa creación poética?

—Non moito. Para min escribir non é un traballo; é algo que sea de forma natural. Non escribo para subsistir, senón porque é algo que desfruto. Se fose unha obligación, probablemente non o faría.

—Coma unha das caras da nova xeración poética galega, como ve este movemento?

—Ai, que vergoña! (risos). A día de hoxe conta con propostas moi interesantes. Está, por exemplo, Leite Edicións, que son uns rapaces que publican fanzines de poetas novos. Tamén Nuria Vil e Vanessa Glemsel, que fan o que se chama spoken word (palabra falada). Non sei os rasgos comúns, xa que iso vese mellor a longo prazo, pero dende logo hai moita variedade temática e estilística.

—Como ve o seu futuro?

—Sinceramente non o sei. Gustaríame seguir escribindo, pero nunca se sabe. Agora mesmo estou nunha etapa transitoria e dende Deriva non teño nada entre mans, pero todo pode cambiar en calquera momento.