Javier Quiroga, fotógrafo: «Todas as grandes culturas do mundo conflúen no Camiño de Santiago»

FERROL

CESAR QUIAN

Di que «cando cerca de nós hai algo moi valioso, tardamos demasiado en darlle a importancia que ten»

09 may 2021 . Actualizado a las 18:02 h.

Javier Quiroga Pazos, fotógrafo ferrolán de 42 anos de idade afincado na Coruña, leva inmerso desde o 2017 nun proxecto persoal que, entre outras cousas, lle está permitindo coñecer o Camiño de Santiago desde unha perspectiva moi distinta: a través dos ollos e das voces do peregrinos, escoitándoos, retratándoos e camiñando á beira deles. O froito que vai dando o seu traballo, un traballo que el quere converter -cando remate- nun libro, pódese ver na páxina web https://caminodesantiagopilgrims.com, así como en Instagram e en Facebook. Javier documenta, coas súas imaxes -e cos testemuños que recolle dos propios fotografiados- a latexo do corazón da ruta que leva a Santiago. E faino tanto no Comiño Inglés coma no Camiño Francés. As súas fotos son retratos alleos a calquera tipo de afectación: imaxes tomadas coa mirada limpa de quen, inmerso na longa tradición fotodocumental europea, é moi consciente de que «para ver, hai que comprender».

-¿E como xurdiron a súa paixón e a súa fascinación polo Camiño de Santiago?

-Xurdiron pouco a pouco, e casi por casualidade. Por desgraza, cando cerca de nós hai algo moi valioso, tardamos demasiado tempo en saber darlle a importancia que ten. Supoño que é algo que forma parte da natureza humana. O caso é que unha amiga me falou da súa experiencia co Camiño, e cando tiven uns días libres eu mesmo fun facer o Camiño Inglés desde Betanzos. E a partir dese momento, cando xa me din conta de todo o que os Camiños de Santiago son en realidade, vin que quería fotografiar os peregrinos. E o contacto cos peregrinos converteuse, durante estes anos, nunha experiencia excepcional. Todas as grandes culturas do mundo conflúen no Camiño de Santiago. Grazas á peregrinación xacobea, a Galicia veñen xentes do mundo enteiro.

-¿E como é esa xente?

-Formidable. Unha xente marabillosa e moi aberta. A ver: cando alguén peregrina a Compostela, xa é unha persoa especial, á que merece a pena coñecer, sexa cal sexa a cultura á que pertence. Peregrinando a Santiago hai persoas de idades moi distintas e de procedencias moi diversas, pero todas elas, cando están no Camiño, experimentan unha transformación. O Camiño é algo que nos cambia a todos ,e ademais dun xeito moi profundo. Ten un gran poder transformador. ¡Iso é algo que percibes non só por ti mesmo, senón tamén mestres vas andando cos peregrinos, falando con eles, escoitando as súas vivencias, compartindo o seu esforzo...! Despois de facer o Camiño, todas as vidas son diferentes.

-Cando vostede lles pregunta aos peregrinos que foi o que os impulsou a peregrinar, ¿que lle contan?

-Hai de todo. Está, por suposto, a motivación relixiosa, pero esa non é a única. Tamén hai quen vén por coñecer o patrimonio do Camiño, ou a súa natureza.

«Confío en que a peregrinación supere este golpe que foi o tempo do coronavirus»

«Se alguén me preguntase qué vai pasar agora cos Camiños de Santiago —di Javier—, eu non sabería, neste momento, qué contestarlle. O fenómeno da peregrinación a Compostela estaba medrando ano tras ano, e abonda con ver as cifras das estatísticas para confirmalo —engade o fotógrafo—. Pero chegou o coronavirus. e con el o confinamento, e todo quedou parado. Confío —apunta, tamén, o fotógrafo— en que a peregrinación supere este golpe que foi, para todos, o tempo do coronavirus. Pero para saber qué pasa aínda haberá que agardar».

—O 2021 será Ano Santo Xacobeo.

—Si, e nunhas circunstancias normais os Camiños de Santiago recibirían moitísima xente. De feito, nestes últimos anos, durante os meses de verán o Camiño Francés xa estaba practicamente masificado. Pero agora todo cambia. Hai que manter medidas de seguridade moi estritas, hai que fixar un distanciamento social e, en fin, non sei cómo se poderán reorganizar infraestruturas como os albergues. Veremos en qué queda todo isto. Eu quero ser optimista, pero estou preocupado.

—¿Que teñen os Camiños de Santiago que só eles posúen?

—Unha enerxía moi especial, que percibes claramente cando vas andando por eles cara a Compostela. Non é algo fácil de describir. Unha enerxía que te invita a prescindir do superfluo para concentrarte nas cousas fundamentais. No Camiño a sensación de liberdade é absoluta, e nada te distrae do importante, por iso cando se peregrina a relación entre as persoas tamén se converte nunha vivencia completamente distinta.

—E hai quen, coma vostede, volve ao Camiño unha e outra vez...

—Moitísima xente. A peregrinación a Santiago é algo que che axuda a existir doutra maneira.