Pedro Rodríguez Paz: «Esta Semana Santa témola que saber vivir todos desde as nosas casas»

Ramón Loureiro Calvo
ramón Loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL

cedida

Afirma estar convencido de que as procesións do ano que vén «brillarán máis que nunca»

10 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen o di é Pedro Rodríguez Paz, o delegado episcopal para as confrarías penitenciais da Diocese de Mondoñedo-Ferrol: «Esta semana Santa témola que saber vivir todos desde as nosas propias casas». Afirma estar convencido de que «as procesións do ano que vén brillarán máis que nunca», e di ser moi consciente de que «a suspensión dos desfiles procesionais causoulle unha profunda dor a moitísima xente», pero ao mesmo tempo subliña que «en plena pandemia do coronavirus, todos temos que axudar no que poidamos» e que «nestas circunstancias, o mellor que se pode facer pola saúde pública é seguir o que nos indican as autoridades sanitarias, e manter o confinamento por moi duro que iso resulte a veces».

«Tamén para min esta Semana Santa está a ser algo moi estraño -di o delegado episcopal-, e tamén a min se me fai difícil ver celebrar a Eucaristía coas portas das igrexas pechadas. Pero temos que tomar conciencia de que estamos en estado de alarma, e de que a nosa obriga, polo ben de todos, é facer o que se nos pide».

«Moito esforzo perdido»

Recorda Pedro Rodríguez Paz que «as confrarías traballan durante todo o ano, e ademais traballan moito, moi duro. O seu labor non se reduce á Semana Santa, senón que vai moito máis alá. E é fácil entender a fonda tristeza que senten estes días todas as persoas que desenvolven o seu labor nese ámbito».

«O mundo das confrarías é moi importante en Ferrol e en Viveiro -di Pedro-. E tamén noutros lugares da nosa diocese -comenta-, como Ribadeo. Ou como Foz, Ortigueira ou o mesmo Mondoñedo. E para ninguén pode ser sinxelo vivir o que estamos a vivir estes días. Pero insisto: no ámbito doméstico tamén se pode celebrar firmemente a fe».

Rodríguez Paz, que ademais de delegado episcopal para as confrarías e arcipreste de Ferrol é párroco do Pilar, lembra que as procesións de Semana Santa son «unha manifestación popular da fe» que despois avanza, cara ao corazón da Igrexa, a través dos ritos eclesiais. E destaca o desconcerto que provoca en moitísimas persoas que «esta Semana Santa non haxa nada diso».

Tempo de sacerdocio

Despois de case medio século de sacerdocio, e reflexionando sobre o que se está a vivir esta Semana Santa, Pedro di que todos deberiamos facer canto estea na nosa man para sacar algunha ensinanza do que acontece. «Normalmente -apunta- tendemos a pensar que todo está baixo control, que a modernidade trouxo un dominio absoluto sobre case todo o que nos rodea, pero o coronavirus veunos lembrar que non é así, que temos que axudarnos uns aos outros».

Está moi afectado, Rodríguez Paz, pero non perde a esperanza. E afirma, convencido, que as procesións, no futuro, «seguirán sendo o que sempre foron».