César Carreño: «Os crentes sabemos que a Semana Santa tamén se vive de portas adentro»

Ramón Loureiro Calvo
ramón Loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL

CESAR TOIMIL

Afirma que nestas circunstancias «o fundamental é loitar todos xuntos contra o coronavirus»

28 mar 2021 . Actualizado a las 20:00 h.

César Carreño (Ferrol, 1965), presidente da Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades de Semana Santa de Ferrol, pasa uns días moi difíciles, como el mesmo confesa. Relixioso mercedario, e profesor de Historia no colexio Tirso de Molina, a suspensión das procesións da Semana de Paixón ferrolá, inevitable en medio da crise desatada pola pandemia do coronavirus, causoulle unha profunda dor. «Nós, os que somos crentes -di César-, sabemos que a Semana Santa tamén se vive de portas adentro, e así é como a imos celebrar esta vez. Pero non podo deixar de pensar -sinala- en toda a xente que estivo traballando un ano enteiro, desde as confrarías, para que as nosas procesións fosen extraordinarias».

-¿Como lembra o momento no que tivo constancia de que, definitivamente, esta Semana Santa non habería procesións?

-Foi un momento moi duro. Hai que ter en conta que a ilusión coa que Ferrol vive sempre a súa Semana Santa é algo moi especial e moi difícil de explicar. Nese preciso momento estabamos a piques de comezar a repartir os procesionarios, cando nos chegou a noticia de que o coronavirus obrigaba a tomar as medidas que nos teñen confinados na casa estes días. Todo isto é moi triste, pero ao mesmo tempo tamén quero recordar que a única maneira de traballar polo ben común que temos agora é a través da solidariedade. Así que neste momento a mellor maneira de axudar e de ser solidario é permanecer na casa, para evitar que se propague a enfermidade. É duro, pero temos que superalo.

-E vostede, persoalmente, ¿como leva o confinamento?

-Con paciencia. Na comunidade mercedaria de Ferrol xa só somos dúas persoas, que por fortuna nos levamos moi ben, pero iso non impide que para nós sexan días moi estraños. Fáiseme raro que estas datas da Semana Santa, nas que non hai clases, non teñamos actividade na nosa capela, nin tampouco procesións. É unha experiencia realmente triste. nunca vivira algo así.

-¿Canta xente ía mobilizar esta edición da Semana Santa ferrolá?

-Pois mira, entre penitentes e persoas que colaboran coas procesións, de múltiples maneiras, a través das confrarías e irmandades, unhas tres mil persoas. Pero a este número aínda lle hai que sumar, por exemplo, o das bandas de música, que xa son unha parte importantísima da Semana Santa de Ferrol. Somos unha gran familia, moitísima xente.

-¿Como será a Semana Santa ferrolá do ano que vén?

-Será unha gran Semana Santa. O primeiro que faremos, en canto todo isto pase, será empezar a preparar a edición do 2021. Agora o fundamental é loitar, todos xuntos, contra este inimigo invisible que se chama coronavirus.

-¿Como recordarán estes días?

-Como uns días históricos, nos que Ferrol, por desgraza, non puido celebrar na rúa, por vez primeira, a Paixón do Señor.