Ramón Dopico: «Incorporar xente nova ao mundo da música tradicional non é fácil»

Ramón Loureiro Calvo
ramón Loureiro REDACCIÓN / LA VOZ

FERROL

JOSE PARDO

Afirma que «ás veces non sabemos ver o verdadeiro valor do que temos máis cerca»

02 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Percusionista de formacións como Berros do Castro e Raparigos, e antes do lembrado grupo Os Cempés, Ramón Dopico Graña, que naceu en 1981, leva no mundo da música tradicional desde a súa nenez. De feito, aos doce anos xa tocaba en público. Gran amigo de Antón Varela, Tonecho, durante anos formou un dúo co recordado mestre gaiteiro e luthier ferrolán. E desde o ano 2001 forma parte, ademais, da Banda Municipal de Ferrol. Con Alboria -outra das formacións das que forma parte- está a piques de sacar un novo disco. E, mentres, segue buscando novos camiños para que a música tradicional de Galicia teña, verdadeiramente, o futuro que merece.

-¿E iso implica, talvez, que a música tradicional deba, como tantas veces se di, «reinventarse»?

-O primeiro que hai que ver, creo eu, é ata onde chega o concepto, que é a música tradicional. Porque eu penso que a música tradicional non remata onde se acaba o folclore. Sen ir máis lonxe, as cancións das Pepitas, en Ferrol, tamén son música tradicional, tamén forman parte da tradición musical. E hai que facer todo o posible para preservalas. Pero, en xeral, incorporar xente nova ao mundo da música tradicional non é fácil.

-¿A pesar do traballo que se se está a facer desde as escolas musicais...?

-O labor que se está a facer desde as escolas é importantísimo. O labor que está levando a cabo xente como Dani Bellón é moi valioso, pero unha cousa é que haxa moitos rapaces que aprenden a tocar un instrumento, e outra moi distinta que xurdan grupos novos. E a verdade é que a penas xorden grupos novos. É máis: durante os últimos anos foron desaparecendo formacións históricas, e iso é moi preocupante. A xente non sempre sabe valorar a importancia do folclore dun país, e iso ten o seu reflexo na situación que estamos vivindo. Nos anos noventa houbo un momento de gran eclosión da música tradicional galega, pero a situación agora é outra.

-¿E a que se debeu ese cambio?

-Non hai unha soa causa, e o feito de que non sempre se saiba valorar, desde o punto de vista do patrimonio a importancia do que ten a tradición, xa é unha delas, como antes dicía. Pero tampouco hai que esquecer que a crise económica tamén lle fixo moito dano ao mundo da música tradicional, porque fixo desaparecer moitos festivais, e eses festivais eran un espazo moi importante para o folclore. E temos moi pouca memoria. A xente esquece, por exemplo, que nos anos oitenta Raparigos era un grupo que facía xiras polo Reino Unido. Ás veces non sabemos ver o verdadeiro valor do que temos máis cerca.

-En moitos lugares de Galicia están desaparecendo as festas.

-Si que desaparecen, si. E esa desaparición, que tantos lugares de Galicia estean perdendo as súas festas tamén lle fai moito dano á música. 

 

«A Antón Varela bótaselle moitísimo de menos, e non só como músico: era un gran amigo»

Di Ramón Dopico que a Antón Varela, a Tonecho, bótaselle moitísimo de menos, e non só como músico, porque «era un gran amigo», unha persona que convertía en especiais, para quen con el el estaba, todos e cada uno dos días da súa vida..

-E o seu recordo segue estando moi vivo.

-Está moi vivo e seguirá estando así. Tonecho era unha persoa única. Eu lémbrome del constantemente. É que foron moitas actuacións xuntos, unha vida enteira. E moitísimas viaxes.

-¿Que aspecto da persoalidade de Antón Varela destacaría vostede?

-Podería destacar moitos. Pero quizais haxa un que a min sempre me serviu de exemplo: o seu empeño en dar sempre o mellor de si cada vez que tocaba. Sempre. Sen excepcións. Tonecho cría que un músico ten a obriga de facer as cousas sempre o mellor que sabe. E eu penso o mesmo. Para min non hai actuación pequena. Quen te está escoitando ten dereito a verte tocar o mellor que sabes.

-Vostede compaxina o seu labor na música tradicional cos concertos como membro da Banda Municipal de Ferrol, a que dirixe o mestre Narciso Pillo...

-Si, é estou moi contento tamén de formar parte da Banda Municipal de Ferrol. Creo que a Banda fai un labor moi importante, e que ten un nivel musical realmente alto. Estou nela practicamente desde que se fundou, e espero que se tomen as medidas necesarias para garantir a súa continuidade. Unha cidade como Ferrol precisa ter unha banda de música como a que ten. Sería incomprensible que a deixase perder. As bandas son unha ferramenta excelente para achegar a música, unha boa música, a públicos moi amplos. Cousa que para min é fundamental. Gústame estar cerca da xente.