O entroido volverá ás rúas cun desfile e premios

LA VOZ SAN SADURNIÑO

FERROL

MARCOS CREO

As actividades terán lugar o día 22 e os galardóns serán xantares ou ceas nos restaurantes do municipio

27 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O entroido volverá ás rúas de San Sadurniño, logo de varios anos a cuberto. O Concello quere recuperar a esencia desta festa pagá, «que en Galicia sempre foi andar por fóra, de máscaras canfurneiras meténdose coa xente». Haberá un desfile a tarde do 22 de febreiro, desde os xardíns municipais ata o ximnasio do CPI. «Cultura deseñou a actividade para un público familiar, aínda que o desfile non está pechado a comparsas nin a máscaras espontáneas», indican desde o Concello. Haberá premios para os tres mellores disfraces infantís (ata oito anos) e xuvenís (de nove a 17), un para o grupo mellor ataviado entre a mocidade (de catro ou máis persoas, de nove a 17 anos) e un accésit especial para o mellor disfrace familiar. Os galardóns consistirán en comidas ou ceas nos restaurantes do municipio. Tamén organizan obradoiros de globoflexia e maquillaxe, e degustación de sobremesas de entroido, orellas, freixós, e chocolate quente.