Manolo Pazo: «Pensei que nunca chegaría a ver un Día das Letras dedicado a Carvalho Calero»

Afirma que «o discurso catastrofista non lle fai ben ningún ao futuro da lingua galega»


ferrol / la voz

Manolo Pazo (Melide, 1957) dedicou toda a súa vida profesional á docencia. Na súa maior parte, en Ferrol, onde se xubilou sendo mestre do instituto Concepción Arenal. E como docente foi, tamén, un decidido impulsor do uso da lingua galega nas aulas. Pero, máis alá do seu labor profesional, o certo é que, desde que era moi novo -desde o seu paso como alumno polo Seminario Diocesano de Lugo-, Pazo dedicou todas as súas forzas, cunha entrega absoluta, infatigablemente, á defensa da lingua e da cultura de Galicia. E o feito de que a Real Academia Galega lle dedique este ano, o 2020, a Ricardo Carvalho Calero, é, para el, unha satisfacción moi fonda. Porque Pazo foi, de feito, desde o propio Ferrol e a través de todo tipo de iniciativas, un dos primeiros impulsores desa candidatura.

-Unha candidatura que, finalmente, prosperou...

-Finalmente, si. Como di vostede. Ao final, saíu adiante. Pero mire, eu pensei que nunca chegaría a ver un Día das Letras dedicado a Carvalho Calero. As cousas, como son.

-¿Tan difícil lle parecía que a Real Academia Galega puidese chegar a homenaxealo?

-Imos ver: eu sabía que o Día das Letras para Carvalho chegaría, antes ou despois. Tiña que chegar. Era así. Pero pensei que todo o que había en contra, incluso un certo sectarismo, impediría que se lle dedicase o Día das Letras a curto prazo. Por iso cheguei a pensar que eu non o vería. O postergamento ao que estivo sometida a figura de Ricardo Carvalho Calero foi completamente inxustificable.

-¿Que sentiu ao ter noticia da decisión adoptada pola Real Academia Galega?

-Unha alegría inmensa. Teña en conta que aínda que eu nunca perdín a esperanza, cheguei a pensar que non pagaba a pena pelexar máis. Pero non porque me faltasen as forzas, senón porque estaba convencido, e sigo pensando o mesmo, de que Ricardo Carvalho, a súa inmensa figura, está moi por riba de calquera distinción.

-¿Cal é, na súa opinión, a faceta máis valiosa de Carvalho?

-Como todo o mundo sabe, Carvalho Calero foi un escritor excepcional, que brillou en todo tipo de xéneros. Aí están os seus libros, que falan por si mesmos. Pero para min, particularmente, hai algo aínda máis importante: que Carvalho Calero é quen nos di, e quen nos demostra, que a lingua galega é una ferramenta moi útil para comunicarse no mundo de hoxe.

-A lingua galega segue perdendo falantes entre os máis novos. ¿É unha situación irreversible?

-Non, non é unha situación irreversible. A lingua galega pode recuperar falantes de novo, é un idioma que ten futuro. Ata o galés está experimentando unha recuperación moi importante. Pero é preciso traballar en positivo, construtivamente. E gustaríame dicir moi claro que o discurso catastrofista non lle fai ningún ben ao futuro da lingua galega.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos

Manolo Pazo: «Pensei que nunca chegaría a ver un Día das Letras dedicado a Carvalho Calero»