«A miña obra naceu das palabras da nosa casa, de escoitar as narracións orais»

La Voz

FERROL

03 ene 2020 . Actualizado a las 17:37 h.

A Medos Romero gústalle moito o contacto directo coa xente, como ela mesma recorda unha e outra vez. E é moi habitual a súa presenza en recitais poéticos, e encontros nos que os versos atravesan o aire, polo xeral na voz dos seus autores.

-¿A poesía é distinta cando se recita, cando se escoita...?

-Cando recitas estás facendo que quen te está escoitando se comunique directamente contigo. Cando un lector está só ante un libro, a situación é distinta: nese momento os poemas xa só son del. Cando tes a xente diante ves a súa emoción, a conexión é moi grande. Pero cando o lector está na súa casa, o terreo no que xogas xa é o del, non é o teu. A poesía, cando a recitas, ten unha forza que non sempre conserva durante a lectura.

-E a poesía galega segue a ter un público moi fiel.

-A poesía sempre foi de poucos lectores. Dun número de lectores moi escaso, pero de xente moi fiel.

-¿Como ve vostede hoxe a literatura galega, en xeral?

-É moi difícil ser escritor en lingua galega. Porque sempre é complicado saír á luz, como xa antes dicía. Non é fácil que se valore a quen escribe en galego. Existir como escritor en lingua galega non é doado. Pero eu, como escritora galega e en lingua galega, son froito da miña propia vida. Nunca elixiría ser outra cousa que o que son. Nas miñas palabras tamén están meus pais, e están meus avós, está a pegada de toda unha maneira de vivir.

-¿Que poeta influíu máis en vostede?

-A miña obra non naceu da lectura doutros poetas, senón das palabras da nosa casa de escoitar as narracións orais. E aí foi moi importante a figura do meu pai, que era un narrador exquisito. Pero despois foron vindo as lecturas, claro que si.