«A miña primeira escalada, sendo eu aínda un neno, foi na Fervenza do Belelle»

FERROL

Seco afirma que San Andrés é o lugar ao que nunca quere deixar de ir

02 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Seco ten por costume, cando cumpre anos, facer unha tirada en bicicleta na que complete un número de quilómetros que sexa, como mínimo, o dobre dos seus anos. E así, por exemplo, ao cumprir os 75 anos... celebrouno recorrendo 150 quilómetros en bici. E outro costume que ten é camiñar cada ano ata San Andrés sen parar, facendo 50 quilómetros durante a xornada.

-¿Que é para vostede San Andrés de Teixido

-Un lugar moi importante, ao que nunca quero deixar de ir. E o seu camiño paréceme extraordinario, porque atravesas espazos naturais moi diversos.

-¿Do seu paso polo mundo da escalada, que ascensión recorda con maior orgullo?

-A escalada da que, a día de hoxe, me sinto máis orgulloso, e da que gardo un maior recordo, é a do Naranco de Bulnes. A montaña sempre foi algo cheo de simbolismo para min. Ascender ao cumio por ti mesmo. Sexa con escalada ou sen escalada. Alcanzar o punto máis alto. E outro recordo moi fermoso para min, por exemplo, é o da expedición ao Atlas que fixemos cando tiñamos o Grupo de Montaña de Astano.

-¿Bota de menos o seu paso por Astano?

-Si, boto de menos todo o que vivín en Astano, todos aqueles amigos. E iso que cando entrei no estaleiro, sendo aínda un neno, custoume un pouco adaptarme a aquel mundo...

-¿Cal foi a primeira escalada da súa vida?

-Pois a miña primeira escalada foi tamén de pequeno. Sen material ningún e sin preparación ningunha. A miña primeira escalada, sendo eu aínda un neno, foi na Fervenza do Belelle, nese lugar tan fermoso que temos aquí mesmo, en Sillobre, e que moita xente aínda nin coñece. Empecei a escalar cando aínda ía a escola. Daquela comezou todo.