Alba Porteiro: «Reclamamos recoñecemento e regulación»

A. F. C. FERROL / LA VOZ

FERROL

CEDIDA

Técnico superior en Educación Infantil, abriu hai un ano unha casa niño en Arteixo, seguindo a regulación das que funcionan no rural, pero pola súa conta

25 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas áreas urbanas tamén hai familias que buscan unha alternativa á escolarización temperá que dea continuidade ao ambiente que se vive nos seus fogares. Alba Porteiro (Coristanco, 27 anos), técnico superior en Educación Infantil, abriu hai un ano en Arteixo unha casa niño, na que atende a tres pequenos. Fíxoo pola súa conta, sen axudas da administración, e hai máis casos coma o dela.

-Como se decidiu a dar o paso?

-Estiven tres anos nunha escola infantil e chegaba á casa cuestionándome o traballo que facía alí, as ratios son moi altas e sentía que por moito que me esforzara non chegaba a todo. Era un sistema moi dirixido, non estaba contenta e busquei outras opcións.

-E como a puxo en marcha?

-Fixen un curso de iniciación coa rede Nais de Día, en Madrid, onde xa levan anos e existe regulación desde hai tempo. E montei a miña casa niño... En Galicia só existe regulación para o rural, que foi a que eu seguín; no urbano hai un baleiro legal. De feito, houbo denuncias por intrusismo e na Xunta dixémoslles «como se algo é legal a 25 quilómetros de aquí, me van dicir que o meu non o é». Estamos no aire.

-Que lle reclaman á Xunta?

-Recoñecemento como unha opción educativa e regulación, queremos que haxa inspeccións, non intrusismo. E pedimos que se hai cheque bebé para as familias que van á escola infantil tamén o haxa para as que optan por unha casa niño. Non é só un recurso para o rural onde non existe outro, senón unha opción educativa na que hai xente interesada.

-Que ofrece este modelo?

-Unha continuación ao fogar dos nenos, cunha ratio baixa que nos permite estar presentes en todo momento e respectar o seu ritmo e as súas necesidades. E amor. Hai pouco veu unha mestra e díxome «aquí respírase amor». Todos os días saímos dúas horas a pasear, chova ou non, con traxes de auga, e iso para os nenos é boísimo, dálles a opción de explorar... E na casa non lles programo actividades, déixolles facer, non hai nada estruturado. Hai pais descontentos coa escola infantil e que tampouco queren meter a ninguén na casa, e ven esta opción coma «un híbrido».

-Nótase na súa evolución?

-A nena que leva desde que abrín, hai un ano, practicou o libre movemento desde bebé e agora ten unha habilidade, un coñecemento do seu corpo e unhas capacidades... Fai baby-led weaning (comer alimentos sólidos)dende os seis meses, algo que en moitos sitios non che aceptan.

-É gratificante a experiencia?

-Moitísimo, estou contentísima. Véxome xubilándome así.

-E no aspecto económico...

-Con tres nenos é moi axustado, o seguro de responsabilidade, a cota de autónoma... Non nos facemos ricas, é moi vocacional.