Todos os santos

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

06 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Seguramente sexa un dos ritos más antigos que celebramos. Os defuntos da familia, da tribu, acadan un recoñecemento de «santos». Así quedamos en paz. Compensamos a realidade da morte con flores e coa presencia multitudinaria dos vivos. Moitos rapaces visitan por primeira vez os cemiterios. Para eles é un xogo. De cativos poñíamoslles flores e unha cruz de pao as sepulturas esquecidas e sen nome. Tamén están as comelladas (a relación dos magostos cos defuntos é confusa pero segue aí) e os doces «ósos de santos», con miolo de varias cores. Seguramente unha lembranza simbólica daquel prehistórico canibalismo de defuntos. Comían aos pais para que non se perdera a súa forza vital, a mesma que nos tiña dado a vida. Sen sabelo moi ben estamos a repetir os primeiros xestos rituais de cando nos veu, en tempos inmemoriais, a conciencia: esa néboa de pensamentos que nos fai intelixentes e coa mesma infelices. Coa conciencia naceran xuntas a maldade e a bondade. Quero dicir con todo isto que estamos repetindo ritos da primeira relixión da humanidade. Todo o asunto dos mortos é tan delicado que merece o noso respecto e unha tregua para os odios. Estas festas de todos os santos dan moito que pensar. Da primeira sepultura neanderthal até as nosas tense expresado os mesmos medos, as mesmas arelas e esperanzas. ¿Acaso somos iguais? Nestas cousas esenciais somos semellantes. Seguimos fabricando con fe seguridades que nos sosteñan, aínda que a visita ao camposanto tamén relativizamos.