«A densidade de poboación no golfo Ártabro xa era alta na Idade Media pola facilidade para dispor de alimentos»


santiago

Como experto en xeografía, investigou por medio mundo sen perder nunca de vista a súa Galicia natal, por iso os movementos da poboación da provincia que o veu nacer non teñen segredo algún para Carlos Ferrás (Santiago, 1965).

-A concentración de habitantes no noroeste é recente polos movementos de poboación das últimas décadas ou ten raíces históricas?

-Ten raíces históricas ata o punto de que xa na Idade Media o golfo Ártabro, que concentra as Rías Altas da Coruña, Sada, Ares e Ferrol, tiña unha densidade de poboación alta pola facilidade para dispor de alimentos, pola abundancia de recursos para a economía primaria. A historia urbana é moi recente. Durante séculos, a sociedade galega foi rural, e nunha economía primaria, a xente concentrábase cerca do mar, en zonas ben comunicadas e con climas temperados nos que podía obter tanto produtos da horta e froitas como cultivar as terras cerca do mar, onde tamén se abastecía da pesca e do marisqueo. Pasaba non só nas Rías Altas; as Rías Baixas, por exemplo, eran as que tiñan unha das concentracións de poboación máis altas de Europa.

-Pola contra, o leste da provincia xa estaba pouco poboado daquela?

-A Dorsal Galega é unha zona montañosa que se estende de norte a sur cunha cota que pode superar os mil metros de altura e as súas terras son menos axeitadas para a agricultura e máis aptas para o pastoreo, e non tiñan as condicións para vivir que si había nos lugares que estaban preto do mar.

-Na densidade da poboación tamén inflúen as divisións territoriais, xa que nesa parte menos poboada os concellos son máis grandes.

-Os concellos que teñen un núcleo urbano sempre van condicionar a densidade de poboación, porque aínda que haxa parroquias moi grandes con poucos habitantes, sempre vai primar o núcleo urbano.

-A fenda, con todo, incrementouse nas últimas décadas, non?

-En Galicia está moi clara a dinámica de despoboamento do interior unida ao proceso de urbanización que provoca que, por exemplo, non sexa só a cidade da Coruña a que ten máis densidade, senón tamén a súa contorna: Arteixo, Oleiros... E o mesmo pasa con Santiago e Ames, por poñer outro caso.

-Santiago e a súa bisbarra tamén destaca pola alta concentración de habitantes, pero neste caso non estamos a falar dunha zona tan industrializada. Importan, xa que logo, outros factores?

-As funcións básicas das cidades son económicas; pode ser pola industria, como na Coruña, ou polos servizos, a administración e o turismo, como Santiago. E non hai que esquecer as cuestións políticas nos movementos poboacionais. O número de habitantes en Santiago estancouse hai trinta anos e iso que ten moito rural, pero se é difícil conseguir unha licenza e o prezo do solo é elevado, a xente nova marcha para a periferia, de aí o crecemento das áreas metropolitanas.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«A densidade de poboación no golfo Ártabro xa era alta na Idade Media pola facilidade para dispor de alimentos»