Outros Corpos Santos

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

16 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En Galicia algo sabemos de traslado de Corpos Santos. Por exemplo, Xelmírez, recén promocionado ao bispado, foi a Braga para levar a cabo un negocio cando menos dubidoso: o roubo das reliquias de varios santos: San Fructuoso, Santa Susana, San Cucufate... Unha operación política para demostrar méritos. O roubo foi definido acó como «Pio latrocinio». En Braga, por contra, como indigno crime (indignum facinus). A cuestión das definicións é moi importante, porque aí está a cerna da propaganda. Se acertas coa fórmula (tendo poder é máis doado) a propaganda pode ser irresistible.

No caso do traslado de Franco predican definicións positivas: unha normalización da democracia. Ao meu parecer un tanto excesiva que poucos cren. No campo contrario consideran o traslado como unha profanación da sepultura. Tamén excesiva porque hai profanacións de sepulturas reais e contundentes ás que lles cadra perfectamente a palabra profanación.

Non escoitei nin lin nada de actos milagrosos debidos ao corpo de Franco. O sitio poida que non inspire. Na cripta hai miles de restos de republicanos, roxos, ateos que tampouco favorecen, penso eu, os milagres.

E ao lado da sepultura de Franco está a de José Antonio Primo de Rivera, un mártir da guerra. Morreu na idade de Cristo. Era guapo e moitas mulleres sentían por el auténtica devoción, e mesmo amor. De ter habido algún milagre ­(se teñen noticia del, por favor, díganmo) José Antonio paréceme máis milagreiro. Máis axeitado. Outra estética.