Andrés Picallo: «Recitar a Rosalía na primeira gran celebración das Letras Galegas foi moi fermoso»

FERROL

Ramón Loureiro

Di que «a cultura tradicional galega é un tesouro» que non se vai «deixar perder xamais»

22 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O grupo de teatro da sociedade cultural Agarimo, a formación que dirixe Andrés Picallo, está a piques de cumprir 50 anos. Exactamente os mesmos anos que Andrés (Sillobre, Fene, 1931), o seu creador, leva á fronte del. E este acontecemento, por si mesmo, vén reivindicar o intenso labor, sempre entregado e xeneroso, que Picallo está facendo, desde hai tantos anos, no mundo do teatro afeccionado galego. Pero esta circunstancia debería servir para reivindicar, tamén, o traballo que este artista fenés fixo, desde que era moi novo -a primeira vez que Andrés subiu a un escenario tiña quince anos de idade- en múltiples ámbitos da creación: Picallo, en estreita colaboración con Parallé, foi un dos eixos centrais da histórica (histórica e lendaria, por non dicir que mítica) primeira celebración das Letras Galegas que en 1963 tivo lugar precisamente en Fene, onde el recitou a Rosalía. Fixo moito, ademais, pola revitalización do entroido popular. E a súa contribución á recuperación do baile tradicional galego foi, tamén, fundamental.

-¿Como recorda vostede, Andrés, aquela celebración en Fene das primeiras letras galegas? ¿Por que foi, na Galicia daquel momento, tan singular...?

-Pois eu a primeira celebración do Día das Letras Galegas, na que tiven a honra de recitar a Rosalía, lémbroa, sobre todo, cunha emoción moi fonda. Recitar a Rosalía na primeira gran celebración do Día das Letras Galegas foi para min algo moi fermoso. Aquel acto, que se celebrou no Salón de Severa por iniciativa do Círculo de Fene, chamou a atención en Galicia porque nin sequera nas grandes cidades houbo algo que espertase tanto entusiasmo, tanta participación. Forma parte da historia do noso país. E por certo que aquel día subiu ao escenario, tamén, a rondalla Estrelecer, na que lembro moi ben que tocaban teu tío Moncho e teu tío Lolo. Aquel foi un tempo precioso. Un tempo que recordarei sempre. Cando a xente está unida, e por moitas dificultades que haxa, os proxectos saen adiante.

-¿Sente que o mundo da cultura soubo darlle a vostede as gracias por todo canto leva feito?

-A min ninguén me ten que agradecer nada; fixen as cousas que crin que se debían facer, e procurei facelas o mellor que puiden. E aos meus anos sigo aí.

-¿Que futuro lle agarda á cultura tradicional galega?

-A cultura tradicional galega é un tesouro, un patrimonio que non imos deixar perder xamais. A nosa xente vaina manter viva.

-As súas representacións teatrais, as que vostede dirixe, atraen un público moi amplo.

-Si, pero non hai segredo ningún. A xente vai ao teatro se sabe que o vai pasar ben. E o teatro que a min maís me interesa é o que fai felices aos espectadores; o que conta historias divertidas, o que fala das cousas da vida.

-¿Haberá un Día das Letras para Xosé María Pérez Parallé?

-Oxalá. Lévoo esperando moitos anos. Non perdo a esperanza.