Adeus a José Curt Martínez

Xan Silvar FERROL

OBITUARIOS

CAPOTILLO

Foi fino naturalista e  primeiro presidente do Parque Natural das Illas Cíes

23 ago 2019 . Actualizado a las 00:00 h.

Hai grandes persoas, persoas grandes e xentes que ambas cousas son. Así era José Curt Martínez, un «exiliado sentimental de Galicia», como se declaraba en 2007 nas páxinas da Voz de Pontevedra, onde chegara a presentar a edición en galego do seu libro 31 gallegos y pico. Finou o mércores, causando baixa seguro que moi ao seu pesar, este vital, declarado «fillo natural de Cádiz e artificial de Galicia» que exerceu de intendente da Armada e de observador sensible nas andainas das súas dúas décadas galegas.

Ademais de fino naturalista, foi xeneroso co seu saber. Libros da serie Galicia viva como Fauna gallega despertaron ou alentaron vocacións cunha escrita amena e directa, que descubría tamén a realidade humana dun mundo rural cambiante que Curt soubo, necesitou, captar. En Más allá de la corredoira, e o citado 31 gallegos o escritor e humanista non podía anotar só citas naturalistas, sen apreciar o mundo de sabedoría popular que vía esvaecerse. Títulos como El Moreno del Lérez. Perdices, truchas y un trago de Ribeiro, dedicado ao mellor coñecedor do seu río, eran enunciados da súa visión holística, que lle outorgou recoñecemento e respecto xeral, sendo nomeado como primeiro presidente do Parque Natural das Illas Cíes. Mantivo o vencello galego nos últimos anos, paseando a Frouxeira ou visitando o Museo de Historia Natural de Ferrol, sempre na compaña dos amigos. Natureza e xente, un binomio que a súa formación científica soubo ver nas corredoiras, para recollela nas súas páxinas. Sigamos descubrindo Galicia nas páxinas de Curt, nada lle agradaría máis, agás seguir entre nós.