Os irmandiños asaltan de novo Galicia


Ferrol

A maneira de busca-lo noso pan, / unha forma de bailar no noso chan, / muiñeiras, alalás ou foliadas, / unha terra, un pobo e unha fala...». A voz de Miguel Sanjurjo resoaba nos muros do castelo de Moeche. O grupo Saraibas, de San Sadurniño, tocaba esta Nación do seu primeiro disco de estudio: Unha terra, un pobo, unha fala (Ruada). Era o 23 de agosto de 1980. Ao son desta música nacía o Festival Irmandiño para «reivindicar unha das páxinas máis relevantes da nosa historia colectiva, cal foi a revolta irmandiña do século XV, na que a comarca de Moeche tivo un especial protagonismo». Isto escribiu, trece anos despois, Luís Barcia, salientando como «un reducido grupo de rapaces de Moeche levamos adiante a primeira edición do Festival Irmandiño». A recuperación do castelo para os veciños e a difusión da cultura galega, sobre todo da música, eran os obxectivos deste festival que cumpre catro décadas.

Nos comenzos, falando con José Luis Parga, durante anos cura de Moeche e impulsor de iniciativas como Preescolar na casa, suxeriu que fixeramos un festival con identidade propia. Así xurdiu o asalto. O primeiro, quizais en 1984, foi un pequeno fracaso. Fixemos lume na torre cando os irmandiños chegaran a porta, pero non se vía de lonxe. A solución deuna Tino, o electricista, xa falecido. «Deixádeme a min...». Non explicou máis. Cando ao ano seguinte as luces debuxaron o castelo no fondo da noite a sorpresa deu paso a emoción e ao nacemento da imaxe do Irmandiño.

Cada quen ía aportando o que sabía, ou o que podía, para sacar adiante un festival que pasou anos duros pero, como os irmandiños, resistiu. E no val de Moeche foron soando as voces pregoeiras de Ramiro Fonte, Siro López, Javier Gutiérrez, Xurxo Souto, Germán Castro, Isabel Risco ou Manel Cráneo [autor do cómic Os lobos de Moeche]. E ao carón do castelo actuaron a gran maioría dos grupos de música galega, e outros de Irlanda, Escocia, País Vasco... Con eles cantaron, bailaron e berraron «¡¡Lume!!» xentes de tódalas idades. [Ata os seareiros do Deportivo recolleron, con pouca sorte, ese berro irmandiño].

E de xeito paseniño os irmandiños están asaltando de novo Galicia, esta vez coa palabra: dando nome a unha cooperativa na Mariña lucense, a unha academia en Compostela, a unha corrente política ou a un club de baloncesto. É moita a forza desa palabra: irmandiños. Moita a súa historia. Moito o traballo en común. Moita solidariedade.

O Festival Irmandiño é o resultado do traballo de tantas persoas, algunhas con especial dedicación, que nestes 40 anos manteñen viva esa cita coa historia e a cultura. Son elas as que dan vida a ese himno de Ramón Cabanillas, En pé, mantendo «o corazón aberto/ a toda verba amiga, / e nunha man a fouce/ e noutra man a oliva,/ arredor da bandeira azul e branca, ...».

O futuro está nese asalto infantil incorporado a programación do festival e naquela Cantiga de berce de Fuxan os Ventos: «Durme meu neno, durme, niste colo,/ que esta terra de escravos non ten odio./ Ten séculos de espranza, agardada, / que pon hoxe nos fillos que amamanta».

O sábado Saraibas volverá a cantar Nación para contar como, corenta anos despois, o Festival Irmandiño, Moeche, sigue sendo unha terra, un pobo e unha fala.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Os irmandiños asaltan de novo Galicia