Iván Rivas: «Ao BNG gustaríalle entrar no goberno»

O nacionalista supedita o tripartito con PSOE e FeC ás liñas estratéxicas que marquen os socialistas


Ferrol

De novo con só dous concelleiros, o BNG de Ferrol será chave para a estabilidade do mandato. Iván Rivas Rico (A Pontenova, 1976), voceiro do grupo municipal dende o 2012, móstrase aberto ás negociacións para conformar un tripartito xunto ao PSOE e a Ferrol en Común. Ao chamado a ser alcalde, o socialista Ángel Mato, pídelle que afronte o proceso con «sinceridade». E que aproveite o traballo realizado polo Bloque en materias como a municipalización.

-Mato invita explicitamente ao BNG a entrar no seu goberno. Aceptará?

-Deberíamos empezar por facernos unha concepción global da cidade e enfrontar problemas estruturais como a situación dos ingresos, de servizos como o lixo ou a auga, a rehabilitación, a peonalización ou o desenvolvemento de proxectos de urbanización novos. O diálogo está moi ben e é fundamental para poder chegar a puntos de encontro, pero esta cidade o que necesita é que saibamos a onde temos que ir. Nunha corporación na que o PSOE ten oito concelleiros é fundamental que sexa el o que estableza as liñas estratéxicas para os próximos catro anos.

-Entrará nun tripartito ou se limitará a apoiar a investidura?

-Eso dependerá de cales sexan esas liñas estratéxicas. Podíamos empezar por comezar a falar sobre aquelas cuestións nas que estamos dacordo. Por exemplo, a peonalización, a rehabilitación, ou a situación do barrio de Recimil. Creo que é bo que iniciemos o diálogo desde os lugares comúns nos que podemos chegar a un punto de encontro para despois avanzar cara aqueles nos que temos diferenzas substanciais e nas que o normal é que teñamos que ceder todos para poder levar adiante esta cidade.

-¿Que cuestións irrenunciables lle esixirán ao PSOE?

-Creo que mal empezamos se falamos de liñas vermellas, de condicións irrenunciables ou puntos límite. Temos que iniciar este debate desde unha concepción global, con tres aspectos básicos: o problema de ingresos, como vamos a enfrontar a xestión dos servizos básicos e o urbanismo. Tamén é importante que asumamos a necesidade de contar cun orzamento para o ano 2019 e debemos facelo o antes posible. O verán sería un bo momento. Faríanos moitísima falta e axudaría a concretar proxectos. Naqueles temas que son difíciles de desenvolver, diríalle ao PSOE que aproveite o coñecemento e a capacidade de execución que o BNG ten acumulado e demostrado ao longo deste tempo. Falo de procesos de municipalización, no ámbito da xestión do lixo, do saneamento... Pero ten que ser o PSOE o que o decida.

-O discurso mudou respecto a 2015, cando non se integraron no goberno. Que cambiou?

-Non creo que mudara tanto. Hai catro anos consideramos que era necesario establecer unhas bases políticas para poder chegar a un punto de acordo de goberno e non se plasmou en nada concreto. Se hai cousas nas que se difire, é importante dicilo, non pasa nada. Non é un delito, e é lexítimo, ademais, ter diferenzas de tipo político. O PSOE ten que decidir cara a onde quere ir e o BNG ofrécelle a solidez argumental para poder chegar a moitos sitios que parece que están tan lonxe cando os temos máis cerca do que podemos pensar.

-O BNG en Ferrol é un partido de goberno ou de oposición?

-É un partido de transformación da cidade. E con ese obxectivo nos presentamos ás eleccións. Obviamente, tés máis capacidade de transformación dende o goberno que dende a oposición. Pero o primeiro que temos que ter claro é a onde queremos ir, e iso teno que definir o PSOE, non o BNG que ten dous concelleiros.

-Como ve a Ángel Mato de futuro alcalde?

-Vai ser o próximo alcalde da cidade contando co apoio do BNG e supoño que de Ferrol en Común. O que lle pido é sinceridade. Pola nosa parte vaina ter. Se hai cousas que se considera que deben ir por un camiño diferente ao que propón o BNG, o mellor é que podamos falar delas. E a partir de aí, sacar conclusións. É bo que enfrontemos este proceso con sinceridade.

-Gustaríalle entrar no goberno?

-Si, claro. Desde un punto de vista persoal non ten sentido a valoración que poida facer eu. Dende un punto de vista político, ao BNG gustaríalle formar parte dun goberno que teña unhas liñas estratéxicas que poida compartir.

-Se entraran no goberno, que concellerías lle gustaría levar?

-Repito: non creo que sexa unha cuestión de entrar no goberno sen ter definido o proxecto político. Definamos o proxecto político e despois avaliemos cales son as persoas máis idóneas para desenvolver ese proxecto político. Eses son os pasos e a maneira de facer as cousas para que esta cidade poida avanzar en base a proxectos que sexan reais, non abstraccións.

-Se tivera que apostar, vai haber tripartito en Ferrol ou non?

-Non o sei.

«Ferrol é unha metáfora adiantada do país»

r.p.p.

-Que aconteceu o 26M en Ferrol?

-Hai unha simplificación do panorama político na cidade, que curiosamente vai no senso contrario ao resto. Ferrol é unha especie de metáfora adiantada do que acontece no resto do país. Iso debe levarnos a unha reflexión, porque na campaña a idea que existía era que a configuración política da cidade estaba baseada no caos, na desintegración e no balbordo político. O resultado das eleccións demostra que isto colleu outro camiño. Nese contexto, o resultado do BNG confirma que hai unha consolidación dun proxecto político que é único e diferencial.

Seguir leyendo

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Iván Rivas: «Ao BNG gustaríalle entrar no goberno»