Xacobeo 2021, unha oportunidade única

Eva M. Montero O BAÚL

FERROL

03 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En menos de dous anos, Santiago de Compostela vivirá outro Ano Santo. E, por primeira vez, este Xacobeo pode ter unha importante repercusión en Ferrol se facemos as cousas ben. O apoxeo dos Camiños é unha realidade, e esta Semana Santa, cun incremento en «Compostelas» dun 61 % con respecto ao mesmo período do ano anterior, constatouse que o número de peregrinos non para de crecer, e faino a un ritmo vertixinoso. Dentro destas rutas, o Camiño Inglés, con saída principal desde Ferrol, é a que máis está a subir, mentres que a nosa cidade se consolidou como o quinto punto de partida.

Por tanto, é evidente (e así o destaquei en varias ocasións neste mesmo espazo) que o Camiño Inglés constitúe un elemento cultural e patrimonial que pode axudar á diversificación e á dinamización económica da cidade de maneira notable. Pero, que fixo o Concello para poñelo en valor? Pois practicamente nada.

Salvo aplaudir os bos datos que se xeran polas propias inercias do Camiño como tal e polo esforzo que si realizan outras administracións -como a Deputación- ou entidades cidadás, desde a institución municipal non se impulsou iniciativa ningunha relevante para potenciar esta ruta. De feito, a día de hoxe Ferrol non forma parte da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, unha entidade supramunicipal encargada de desenvolver iniciativas coordinadas de promoción deste tramo, e que será fundamental para organizar e sacar o maior proveito do Xacobeo 2021. Así que, ou nos poñemos as pilas, ou non seremos capaces de sacar o máximo rendemento a unha oportunidade que nos vén, e nunca mellor dito, caída do ceo.